A décima edición do Festival Internacioal de Cine Freak e Fantástico de Vigo celébrase do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo.
O Galician Freaky Film Festival continúa desvelando os contidos da súa décima edición cunha das súas principais novidades: GFFF Panorama, unha nova sección coa que o festival quere achegar ao público de Vigo algunhas das películas fantásticas máis destacadas do último ano que, a pesar do seu interese e recoñecemento internacional, tiveron un escaso percorrido no circuíto comercial. Despois de afianzarse a nivel internacional a súa sección oficial no formato curto, o GFFF busca facelo agora incorporando longametraxes internacionais á súa competición.
O festival desvela agora tres dos seis títulos que formarán parte desta sección: The Furious, de Kenji Tanigaki; Gaua, de Paul Urkijo Alijo; e Decorado, do galego Alberto Vázquez. Tres propostas moi diferentes que comparten o seu paso por festivais internacionais e un importante recoñecemento.
The Furious (2025, Hong Kong), de Kenji Tanigaki, é unha emocionante película de acción e artes marciais protagonizada por Xie Miao, Joe Taslim e Yayan Ruhian. A historia segue a un pai que se enfronta a unha rede de tráfico de menores para recuperar a súa filla. Unha das grandes propostas de artes marciais dos últimos anos, que recibiu o Premio Especial do Xurado en Sitges e pasou tamén por Toronto, Busan e Beyond Fest.
Gaua (2025, Euskadi), de Paul Urkijo Alijo, é un filme de terror que mergulla ao espectador nas montañas vascas do século XVII, en plena caza de bruxas. A película, protagonizada por Yune Nogueiras, Elena Irureta e Ane Gabarain, está baseada no imaxinario, a mitoloxía e os contos tradicionais. Tras o seu paso por Sitges e pola Semana de Cine Fantástico y de Terror, foi seleccionada nos Premios Goya 2026.
Completa esta primeira selección Decorado (2025, España / Portugal), a última longametraxe de animación do galego Alberto Vázquez. A película segue a Arnold, un rato de mediana idade que comeza a sospeitar que vive nunha realidade falsa, ao estilo The Truman Show. A cinta chega avalada polo Goya á Mellor Película de Animación, o Premio Paul Grimault do Festival de Annecy e o premio á Mellor Longametraxe de Animación nos Premios Forqué, ademais da súa selección en Sitges.
Abonos á venda
O GFFF ten xa á venda os Abonos VIF (Very Important Freak), que ofrecen acceso preferente ás salas e permiten gozar das 11 sesións de curtametraxes e 11 longametraxes da programación. Polo momento están anunciadas tres longas da sección GFFF Tribute (The Fly, The Toxic Avenger e Big Trouble in Little China) e tres da GFFF Panorama.
O abono inclúe tamén acceso ao GFFF Online, unha chapa identificativa exclusiva, o catálogo do festival e 3 euros de desconto na camiseta desta edición. A compra do VIF supón, ademais, unha forma de apoiar directamente o festival e a súa aposta polo cinema fantástico e freak en Galicia. Os abonos teñen un prezo de 70,00 € e poden adquirirse na web do festival.
X EDITION: CELEBRANDO UNHA DÉCADA DE FREAKISMO
O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis freaky do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. O festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo ofrece unha coidadísima selección de curtametraxes, traendo estreas absolutas en Galicia. Ademais é o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. A décima edición do festival celébrase do 17 ao 26 de setembro en Vigo.
O seu ambiente único fai que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para vivilo en primeira persoa. A recente incorporación á prestixiosa Federación Méliés, así como o respaldo de máis de 4.000 asistentes na súa última edición de 2025, consolidan ao GFFF como unha cita obrigatoria para os amantes do cine fantástico e alternativo en todo o mundo.