O gran eclipse da política galega: moito postureo e poucas luces

Di o saber popular que as cousas do ceo non traen nada bo para os de abaixo. Dicían os antigos que un eclipse era un aviso das meigas, un mal agoiro para os cultivos ou o preludio duns impostos máis altos. Ata Miguel Bosé, o do amante bandido, a quen xa levan tempo disputándolle o posto de profeta do Apocalipse en redes, saíu á palestra para avisarnos de que a Lúa tapando o Sol era unha trama máis dos de arriba, aínda que outros pensarán que o eclipse é cousa de Pedro Sánchez. Pero en Galicia, que somos xente de ver vir e de preguntar «e ti de quen vés sendo?» antes de asustarnos, o único que vimos no ceo foi unha magnífica oportunidade de fotocol gratis.

Porque a ver, ¿quen somos nosoutros para esixirlle xestión a un político cando pode facerse unha foto postureando co Astro Rei?

Da igual que a sanidade estea en cadros, que o rural se desangre ou que a política autonómica siga instalada no sopor habitual, habendo un sol a medio tapar, hai materia prima de sobra para vender estadistas de mirada profunda (e gafas de cartón homologadas, por suposto). Fue un espectáculo digno de aplauso: dende Alfonso Rueda ata Gómez Besteiro, non quedou nin un só líder sen o seu momento de gloria astronómica. Os mesmos asesores de comunicación que levan meses sen dar un titular con contido puxeron a maquinaria a cen: había que sacarlle leite ao eclipse, que para un fenómeno de masas que nos cae na casa de tarde en tarde, non se vai deixar o escaparate baleiro.

Entre ‘A conxura dos necios’ e a falta de ideas

O problema é que, despois da foto, a luz voltou. E con ela, a crúa realidade duns próceres que confunden o goberno cunha versión pachanga de verán de A conxura dos necios, de John Kennedy Toole, crendo que o mundo conspira contra eles mentres fan da inacción unha disciplina olímpica. Outros, quizais máis pragmáticos, prefieren ter de cabeceira La patria en la cartera, de Joaquim Bosch, que iso de ter a patria no peito está ben para os mitins, pero na carteira pesa máis e amortiza mellor.

Para que nos imos enganar, a política da nosa terra non precisaba que a Lúa se interpusera no camiño do Sol. Levan anos eclipsados por conta propia.

A diferencia entre o fenómeno do ceo e o de O Hórreo é que o do ceo dura segundos e deixa un poso de marabilla e silencio. O de abaixo dura catro anos, renovables, e déixanos a todos cunha sensación permanente de fatiga ocular. De tanto mirar cara ao sol sen protección, ou de tanto vivir á sombra do que dictan dende Madrid, os nosos líderes levan anos cansados de mirar de cara á realidade, preferindo fotografar a sombra que proxectan eles mesmos mentres nos contan que iso, e non outra cousa, é liderar un país.

Comparte éste artículo
No hay comentarios