O Grupo Municipal Socialista de Lugo anunciou que non participará no acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda convocado para este luns no Vello Cárcere. A formación denuncia o “cinismo” e a falta de coherencia do Goberno local encabezado por Candia, que hai dous meses impediu a utilización deste mesmo espazo para a presentación do expediente que busca declaralo Lugar de Memoria Democrática.
A voceira adxunta do PSdeG no Concello, Ana González Abelleira, reiterou o máximo respecto e recoñecemento do partido á figura de Bóveda no 90 aniversario do seu asasinato, así como a todas as persoas represaliadas pola ditadura franquista. Porén, aclarou que a ausencia socialista no acto responde ao rexeitamento a «unha escenografía para lavar conciencias».
«Non se poden pechar as portas do Vello Cárcere á Memoria Democrática en xuño e abrilas en agosto para facerse unha fotografía. A memoria das vítimas merece respecto e coherencia, non actos para aparentar unha sensibilidade que os feitos desmenten”, subliñou González Abelleira.
Os socialistas lembraron que o pasado 19 de xuño o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, desprazouse a Lugo xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada, Olimpia Rodríguez, tras a publicación no BOE do procedemento para protexer o inmoble. Nese momento, o Goberno local non cedeu as instalacións e a comparanza tivo que realizarse na rúa, ás portas do recinto.
“Un secretario de Estado veu comunicar un recoñecemento histórico que honra ás persoas que sufriron a represión entre esas paredes e o Goberno de Candia deixouno na rúa. Foi un dardo á dignidade do Vello Cárcere”, denunciou a voceira adxunta.
Dende o Grupo Socialista consideran incomprensible que dous meses despois o Concello utilice o interior do recinto para lanzar unha convocatoria que anima a manter viva a memoria de quen sufriu a represión: “Compartimos plenamente esas palabras. O incomprensible é que hoxe defendan desde dentro aquilo ao que en xuño lle pecharon a porta. A memoria non pode depender de quen apareza na fotografía”.
Desde o grupo municipal lembran ademais que esta homenaxe institucional non é unha iniciativa do actual equipo de goberno, senón unha conmemoración consolidada desde hai anos no Concello de Lugo.
“Non estamos ante unha nova sensibilidade do Goberno de Candia, senón ante a continuidade dún acto que xa existía. O problema é pretendelo usar agora para proxectar unha imaxe incompatible coas súas decisións de hai dous meses. A coherencia consiste en homenaxear ás vítimas o 17 de agosto, pero tamén en abrir as portas cando o Goberno de España recoñece oficialmente a historia que gardan esas paredes”, concluíu González Abelleira.