.A exposición estará na Casa da Cultura do 17 ao 31 de agosto, en horario de 9.00 a 14.00 horas, con visita guiada mañá luns ás 12.00 horas.
A exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova, impulsada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, continúa a súa itinerancia e chega este mes a Verea, terceiro concello que acolle a mostra tras o seu paso por Celanova e Ramirás. Estará instalada na Casa da Cultura do 17 ao 31 de agosto, en horario de 9.00 a 14.00 horas, con entrada libre e gratuíta.
Este luns, primeiro día da mostra en Verea, terá lugar a primeira visita guiada, ás 12.00 horas. Nos próximos días, en coordinación co Concello, anunciaranse os horarios do resto de visitas guiadas.
A exposición, comisariada pola historiadora Rosa Cid Galante e con deseño gráfico de Adriana Pérez, reúne documentos inéditos, fotografías, expedientes oficiais e testemuños familiares que reconstrúen a historia de decenas de mulleres represaliadas durante a guerra civil e o franquismo. Estrutúrase en dous eixos: as mulleres encarceradas no cárcere feminino de Celanova entre 1936 e 1938, e as mestras depuradas pola ditadura por defender os valores da escola pública republicana.
A chegada a Verea ten un significado especial, xa que entre as protagonistas da mostra figura a mestra depurada Áurea González, veciña deste concello, e irmá do mestre da ATEO, Julio González, paseado na Poza das Ras en agosto do 36. O proxecto, resultado de varios anos de investigación do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, conta co financiamento da Secretaría de Estado de Memoria Democrática (Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática).