CCOO. «A falta de dirección e de persoal compromete a atención na residencia Nosa Señora do Carme de Sarria»

CCOO denuncia publicamente a situación que está a atravesar a Residencia Nosa Señora do Carme, dependente do Concello de Sarria, ante a falta dunha persoa que exerza de maneira efectiva e estable as funcións de dirección do centro, así como pola preocupante falta de persoal que está a afectar tanto ás traballadoras e traballadores como á calidade do servizo prestado ás persoas residentes.

Na actualidade, as funcións de dirección están a ser desempeñadas en funcións por unha enfermeira do centro. Porén, esta situación xera un importante problema organizativo, especialmente durante as fins de semana e os días festivos, xa que esta traballadora non presta servizo nesas xornadas.

Como consecuencia, durante esas quendas as funcións de responsable do centro recaen sobre un traballador da categoría de xerocultor, que se ve obrigado a asumir tarefas e responsabilidades que non corresponden ao seu posto de traballo.

Desde CCOO consideramos que esta situación non pode converterse en algo habitual nin normalizarse. Non é razoable que a ausencia dunha dirección estable se tente solucionar trasladando responsabilidades a traballadores e traballadoras que non teñen atribuídas esas funcións, coa conseguinte sobrecarga e responsabilidade adicional.

A esta problemática súmase, ademais, a falta de persoal existente na residencia, unha situación que está provocando que as traballadoras e traballadores teñan que asumir unha carga de traballo cada vez maior.

A falta de efectivos está obrigando á plantilla a dobrar quendas, prolongar xornadas e realizar máis horas das que lles corresponden, unha situación que CCOO considera absolutamente inaceptable e que está provocando un importante desgaste físico e emocional entre o persoal.

Desde o sindicato queremos poñer en valor o esforzo e a profesionalidade que está a demostrar diariamente a plantilla da residencia para manter o funcionamento do centro e garantir a atención ás persoas maiores. Porén, o compromiso das traballadoras e traballadores non pode utilizarse como substituto dunha adecuada planificación de persoal nin dunha xestión responsable dun servizo público.

CCOO esixe ao Concello de Sarria que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para:

  • Cubrir e estabilizar a dirección da Residencia Nosa Señora do Carme, garantindo a existencia dunha persoa responsable do centro durante todos os días de funcionamento.
  • Evitar que traballadores e traballadoras doutras categorías profesionais teñan que asumir funcións e responsabilidades que non corresponden ao seu posto.
  • Aumentar e adecuar a plantilla ás necesidades reais do centro, evitando que a falta de persoal se traduza nunha sobrecarga permanente de traballo.
  • Garantir o cumprimento das xornadas laborais e evitar que o persoal teña que dobrar quendas ou realizar horas extraordinarias de maneira habitual para poder cubrir as necesidades do servizo.
  • Mellorar a organización das quendas e garantir a cobertura necesaria durante fins de semana e festivos.
  • Abrir un diálogo inmediato coa representación legal das persoas traballadoras para analizar a situación e adoptar solucións.

CCOO lembra que estamos a falar de un servizo público esencial destinado á atención e coidado das persoas maiores. Garantir unhas condicións laborais dignas e unha dotación suficiente de persoal non é só unha cuestión de dereitos laborais, senón tamén de calidade asistencial e de respecto polas persoas residentes.

O sindicato considera que o Concello de Sarria debe asumir a súa responsabilidade e deixar de poñer parches a unha situación que precisa solucións estruturais. A residencia necesita unha dirección estable, unha plantilla suficiente e unha organización adecuada que permita prestar o servizo con todas as garantías, sen sobrecargar sistematicamente as traballadoras e traballadores.

CCOO seguirá vixiante e defenderá os dereitos da plantilla, porque non é aceptable que a falta de persoal e a ausencia dunha dirección estable rematen recaendo sobre unhas traballadoras e traballadores que xa están a realizar un esforzo extraordinario para manter o funcionamento da residencia.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios