Antonio Ameijide explica que “García Porto pide axuda para pagar gastos básicos que debería incluír nos orzamentos municipais e que, dende o goberno provincial, se nega a financiar ao resto de Concellos a través do Plan Deputación” .
O portavoz provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, censura a “incoherencia” da deputada do goberno de PSOE e BNG na Deputación e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, por “pedir para si o que nega para os demais”.
Así o considera o popular trala aprobación na Xunta de Goberno do pasado venres na institución provincial dun convenio mediante o que a Deputación achegará máis de 250.000 euros ao Concello de Antas Ulla para financiar gastos para servizos básicos que deberían terse previsto no orzamento municipal como a luz ou o combustible ou o mantemento das piscinas municipais ou o servizo de comunicación e redes sociais. “Pretende que todos os lucenses lle paguemos ata as redes sociais”, apunta o popular.
Ameijide censura que “financie con recursos de todos os lucenses, aquilo que se nega a facer con tódolos Concellos da provincia”. É o caso dos gastos correntes que o goberno provincial se nega a autorizar nas bases do Plan Deputación para todos os Concellos da provincia.
Pero, ademais, o goberno provincial aproba dirixir fondos de tódolos veciños da provincia para colaborar co Concello de Antas de Ulla en materias como a recollida de animais abandonados – para o que a Deputación ten a obriga de colaborar cos Concellos- ou actuacións relacionadas co ciclo da auga -coas que tamén debe cooperar a institución provincial para garantir este servizo básico de competencia municipal-. “Pero, cando foron propostas polo Partido Popular para que a Deputación colaborase con todos, recibiron o voto en contra de PSOE e BNG”. É dicir, “como deputada négase a colaborar con todo os Concellos de forma igualitaria e, incluso, deixa constancia votando en contra nos Plenos. Pero agora o seu goberno aproba un convenio para financiar con diñeiro de todos os lucenses o que lle nega aos outros 66”.
O popular afea que “en pouco tempo Pilar García Porto fose capaz de incluírse na lista de alcaldes socialistas que teñen que pedir auxilio á Deputación de Lugo para pagar os gastos máis básicos dos seus Concellos debido á súa pésima xestión económica municipal. Xa coñecíamos os casos dos alcaldes de Pol ou Meira que teñen que pedir axuda para pagar dende as fotocopias á luz ou o combustible para a maquinaria municipal”. Ameijide cre que “isto evidencia que a xestión económica do PSOE en Lugo fai perigar a estabilidade e a viabilidade económica dos Concellos onde gobernan os socialistas”.
A COMPLICIDADE DA PRESIDENTA
Antonio Ameijide asegura que “a aprobación por parte de PSOE e BNG do convenio co Concello de Antas de Ulla para sufragar gastos correntes con fondos provinciais conta coa complicidade evidente da presidenta da Deputación. Carmela López está a permitir que unha deputada en concreto e o seu equipo de goberno en xeral que negan a colaboración para todos os Concellos en determinados asuntos, si lla preste aos da súa cor política”.
“A presidenta da Deputación demostra, unha vez máis, que segue secuestrada polos mesmos: por José Tomé, que dirixe a Deputación na sombra, mentres é investigado pola Fiscalía por presunto acoso sexual, e por quen o encubriu”, subliña o portavoz do PP.
IGUALDADE PARA TODOS
Antonio Ameijide incide en que “o Grupo Provincial Popular non ten nada en contra de que a Deputación de Lugo colabore cos Concellos. É máis, ese é un dos principais obxectos da institución provincial e, dentro dese cometido, temos presentado numerosas iniciativas para colaborar con todos e que reciben un non de PSOE e BNG”.
O popular demanda “igualdade de trato para todos os Concellos e todos os veciños e veciñas da provincia” e insiste en que “a Deputación ten que estar ao servizo dos 67 concellos da provincia, non só dos Concellos gobernados por amigos do goberno provincial de PSOE e BNG”.