A creadora galega, con máis de 110.000 seguidores en Instagram e TikTok, fará en Rianxo a primeira parada dunha xira que percorrerá dez vilas galegas.
Leti da Taberna levará este verán o seu humor ás rutas xacobeas con Enredadas no Camiño, unha nova xira de monólogos que percorrerá dez localidades galegas entre agosto e outubro. Rianxo será, este 20 de agosto, o punto de partida dun percorrido que combinará humor, improvisación e historias vinculadas ao rural galego e ao universo do Camiño de Santiago.
Coñecida nas redes pola súa particular mirada sobre o rural galego, Leti da Taberna reúne máis de 110.000 seguidores entre Instagram e TikTok. Tras levar o seu humor aos escenarios co seu primeiro monólogo, Enredada, a creadora regresa agora ao directo cunha nova proposta que toma como punto de partida o Camiño de Santiago e as historias, situacións e persoas que forman parte das rutas xacobeas.
É posible desconectar de verdade nun mundo que nunca para, nin sequera peregrinando? Esta é a pregunta da que parte un espectáculo que pon o foco nas persoas peregrinas, na veciñanza e en quen vive e traballa ao pé das rutas xacobeas, cunha mirada marcada polo humor e a retranca.
A partir de aí, Leti explora a convivencia entre a vida moderna e os ritmos do rural galego, incorporando a cada parada as historias e particularidades do territorio. Improvisación, participación do público e creacións audiovisuais forman parte dun espectáculo que se constrúe tamén a partir de cada vila e das persoas que a habitan.
Enredadas no Camiño percorrerá Galicia a través de dez paradas vinculadas ás rutas xacobeas. Rianxo abrirá o itinerario o 20 de agosto, ao que seguirán novas citas durante setembro e outubro ata chegar á última parada, en Neda, o 23 de outubro.
- Agosto
- 20 de agosto – Rianxo
- 22 de agosto – Dumbría
- Setembro
- 9 de setembro – Vilar de Barrio
- 11 de setembro – Padrón
- 13 de setembro – Ribadavia
- 25 de setembro – Melide
- Outubro
- 3 de outubro – Castroverde
- 8 de outubro – Paderne
- 16 de outubro – Vilalba
- 23 de outubro – Neda
Os horarios e localizacións concretas de cada actuación iranse anunciando a través dos perfís de Leti da Taberna en Instagram e TikTok. Todas as citas de Enredadas no Camiño serán de entrada gratuíta. O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do programa O teu Xacobeo.
Sobre Leti da TabernaLeti, aínda que coñecida pola súa faceta de taberneira dixital, ten unha traxectoria que vai moito máis alá das redes sociais. Humorista e creadora de contido, foi colaboradora de Malicia Noticias (TVG), participou en O Novo Rei da Comedia (TVG) e colabora habitualmente en Galicia por Diante, da Radio Galega. Nos últimos anos levou tamén o seu humor aos escenarios, cun traballo en galego no que combina retranca, crítica social e feminismo.