A actuación, cun investimento de máis de 145.000 euros, permitirá renovar e modernizar diferentes espazos das instalacións.
O alcalde, José Manuel López Varela, acompañado polo tenente de alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, xunto á directora das obras e o responsable da empresa que as está a executar, visitaron a escola infantil pública ‘A Galiña Azul’ para interesarse pola evolución dos traballos de mellora das instalacións que se están realizando este verán.
O proxecto, redactado polo Concello, conta cun orzamento de máis de 145.000 euros e está financiado integramente polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O Concello foi o responsable da contratación da execución das obras, que se desenvolven baixo supervisión municipal.
Na visita comprobouse como as intervencións avanzan segundo as previsións e permitirán acometer a renovación de diferentes espazos da escola infantil co obxectivo de mellorar as condicións das instalacións e adaptalas ás necesidades actuais do centro. O proxecto contempla un conxunto de actuacións de reparación, mantemento e modernización que abranguen diferentes elementos, desde os acabados e pavimentos ata a carpintería, o illamento, a pintura e os sistemas de climatización, así como a reforma dos aseos infantís e a incorporación de novos elementos de mobiliario e almacenamento.
Tamén se inclúen medidas orientadas a mellorar a eficiencia térmica e acústica do edificio e as condicións de confort e hixiene e a durabilidade dos materiais, reducindo ao mesmo tempo as necesidades de mantemento das instalacións no futuro.
A planificación dos traballos está orientada a aproveitar o período de verán para executar as actuacións de maior complexidade e minimizar así a súa incidencia na actividade habitual da escola infantil. Neste sentido, a previsión é que as obras estean concluídas antes do inicio do curso 2026-2027 en setembro, de maneira que o centro poida retomar o seu funcionamento con normalidade.
Esta iniciativa impulsada polo Concello e a Xunta de Galicia permitirá seguir mellorando as condicións das instalacións da escola infantil para a prestación dun servizo público especialmente importante para as familias do municipio, dotándoa de espazos máis confortables, funcionais e adaptados ao uso diario dos nenos e do persoal do centro.