Formoso e Bustelo asinan o convenio para construír a nova Casa de Acompañamento aos Maiores de Rianxo

O presidente da Deputación e o alcalde de Rianxo formalizaron a cesión dunha parcela municipal de máis de 6.000 metros cadrados na rúa Rianxiño, onde se construirá o novo centro residencial.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, asinaron hoxe o convenio de cooperación entre ambas administracións para a cesión dos terreos nos que se construirá a futura Casa de Acompañamento a Persoas Maiores (CAM) de Rianxo.

A sinatura supón un novo paso para facer realidade este centro residencial público de carácter supramunicipal, despois de que o pleno da Deputación aprobase por unanimidade o pasado mes de xullo o convenio que regula a colaboración entre ambas institucións.

A futura CAM erguerase nunha parcela municipal de máis de 6.000 metros cadrados situada na rúa Rianxiñoa carón do IES Félix Muriel, e valorada en máis dun millón de euros. Mediante o acordo asinado hoxe, o Concello de Rianxo cede gratuitamente á Deputación o pleno dominio dos terreos.

Pola súa banda, a institución provincial asumirá a titularidade do servizo público e encargarase de financiar e executar tanto as obras de construción como o equipamento integral e a posterior posta en funcionamento do centro.

Formoso destacou que a sinatura “permite avanzar nun proxecto moi importante para Rianxo e para toda a comarca, que ofrecerá ás persoas maiores a posibilidade de recibir unha atención de calidade preto das súas familias e do seu entorno habitual”.

O presidente provincial subliñou tamén que este proxecto “representa o modelo de atención aos maiores que queremos impulsar desde a Deputación: centros máis humanos, próximos e integrados na comunidade, nos que as persoas sexan o centro de todos os coidados”.

Pola súa banda, Julián Bustelo puxo en valor a colaboración entre o Concello e a Deputación para facer posible “unha infraestrutura moi necesaria para Rianxo e para o conxunto da comarca”, e destacou a importancia de que o municipio poida contar cun centro público destas características.

Novo modelo residencial

A Casa de Acompañamento aos Maiores (CAM) de Rianxo forma parte do plan da Deputación para implantar na provincia un novo modelo de residencias de proximidade inspirado nos centros europeos de quinta xeración, deseñados para evitar o desarraigo das persoas maiores e ofrecerlles un entorno o máis semellante posible ao seu propio fogar.

O proxecto prevé 59 prazas, distribuídas en catro unidades convivenciais independentes, cada unha delas con cociña, salón e espazos comúns propios, favorecendo unha convivencia a menor escala e unha atención máis personalizada.

O centro contará ademais con servizos de atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia, así como con tecnoloxías avanzadas destinadas a reforzar a seguridade, autonomía e confort das persoas usuarias.

A CAM de Rianxo integrarase no proxecto piloto provincial deste novo modelo residencial, xunto cos centros previstos nos municipios das Pontes e Ordes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios