O Concello e a Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia acordaron suspender o concerto previsto para esta noite, ás 21.00 horas, no marco das festas de San Roque, debido ás previsións meteorolóxicas adversas previstas para a tarde e durante o desenvolvemento da actuación.
A decisión foi adoptada esta mesma mañá tras unha reunión mantida entre representantes da Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia e os técnicos municipais, unha vez avaliadas as condicións previstas e as características técnicas e de montaxe que require un concerto destas dimensións.
Trátase dunha actuación que precisa entre catro e cinco horas de preparación previa, con instalación de numerosas liñas microfónicas, equipos técnicos e realización das correspondentes probas de son. As previsións de chuvia fan inviable que estes traballos, así como a propia actuación, poidan desenvolverse con garantías de seguridade e nas condicións de normalidade necesarias tanto para os músicos como para o público.
A estas circunstancias engádese que, polas características deste concerto, o público debe seguir a actuación sentado, polo que as cadeiras e asentos tamén estarían expostos á chuvia, dificultando que se puidese gozar do concerto con comodidade.
Por todo isto, e ante a prioridade de garantir a seguridade dos músicos, do persoal técnico e das persoas asistentes, os responsables da Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia e o Concello acordaron finalmente a suspensión da actuación.
O Concello e a Xoven Orquesta lamentan profundamente esta decisión, especialmente por tratarse dunha das actuacións máis esperadas das festas de San Roque. O concerto era unha das propostas de maior complexidade técnica da programación, que implicaba un importante despregamento de medios e persoal.
A decisión responde exclusivamente a criterios de seguridade e á imposibilidade de garantir o normal desenvolvemento dun concerto destas características ante as condicións meteorolóxicas previstas.