O Bergantiños proclamouse campión da Copa RFEF-Galiza tras derrotar con comodidade ao Boiro na final celebrada en Noia. Tomás e Ale Sanchez deixaron aos de Carballo con vantaxe de dous goles ao descanso. Nos últimos instantes do partido, Gandoy ampliou a vantaxe e, acto seguido, Mateo fechou o marcador anotando o único gol do Boiro. O Bergantiños repite o éxito da 2018/19, cando derrotara na final ao Ribadumia nos penaltis. Pola súa banda, o Boiro perdeu a súa primeira final sen poder reeditar o éxito da 2014/15, cando nese mesmo escenario, entón chamado San Lázaro, derrotara ao Coruxo polo mesmo resultado co que sucumbiu nesta ocasión. O Bergantiños, ademais do título, clasifícase para a fase estatal da competición tomando o relevo do Ourense C.F., que na pasada campaña foi quen de proclamarse campión de España da mesma.
O Bergantiños pon distancia axiña
O conxunto de Carballo, unha categoría máis alta que o Boiro, fixo o mesmo que nos anteriores tres partidos da competición. Tomou a posesión e quixo manexar o partido desde a parcela rival coa mobilidade e calidade de Iago Novo xunto os traballos de recuperación de David Iglesias e Gandoy. Pachón fixaba aos centrais rivais e Koke e Ale Sánchez ofrecíanse nas bandas.
Aos cinco minutos, nunha acción individual que lle permitiu alcanzar a liña de fondo, Iago Novo cedeu na área para Koke, cuxo lanzamento foi desviado por Borja cos pés.
Dous máis tarde, o meta desviou a córner un xute de Ale Sánchez desde o bico da área. O saque de esquina resultou fácil para Tomás, que pouco vixiado cabeceou de xeito imparable á rede.
A primeira aproximación barbanzá foi de Juampa, o futbolista máis activo nos disparos dos pupilos de José Tizón. Antes do cuarto de hora, o seu pelotazo desde fóra da área saíulle desviado.
Pouco despois, no 19, nunha das posesións en ataque máis longa do Boiro, Juampa controlou a pelota na área, pero o seu xute á reviravolta tamén foi por fóra dos paus.
A mellor ocasión boirense para empatar estivo nas botas de Cambón, pero Carlos acertou a estirarse sobre o chan para desviar a pelota coa man esquerda dous minutos máis tarde.
Logo que o partido superara o primeiro cuarto, o Bergantiños golpeou de novo. Neste caso foi Ale Sánchez, quen aproveitando a descolocación defensiva recibiu na frontal, recortou ao único central que ficaba na zaga e xutou á rede un coiro que chegou a tocar Borja.
O Boiro non se agochou malia desvantaxe, pero as súas tentativas de anotar antes do descanso non resultaron. Juampa xutou alto un libre directo ao fío da media hora. No seguinte, aos 38 minutos, Carlos desbaratou outro que para a ocasión executou Landeira.
En calquera caso, a derradeira ocasión do primeiro acto, aos 43 minutos, estivo na cabeza de Pachón, pero cruzou demais desde o borde da área pequena, onde chegou para completar un centro de Ale Sánchez, cambiado de banda.
Contención e título
O segundo tempo foi de ritmo máis baixo. O peor foi a lesión do boirista Parada, que tivo que deixar o partido aos dous minutos de pisar a herba.
A primeira ocasión do período foi de Tomás, pero Borja estivo perfecto na estirada coa que mandou pola liña de fondo o xute raso do ex central do Marino de Luanco. Despois, aos 57 minutos. a experiencia de Iago, interpoñéndose entre o balón e a portería, impediu que Pachón igualara a Ankudinov na cabeza da táboa de goleadores do torneo.
O Boiro puido meterse no partido nunha contra con pase final de Juanma para Peque, que o antigo xogador do Valladares desaproveitou ao rematar moi forzado cando o reloxo pasaba pola hora de xogo.
Peque estivo máis perto do gol desde máis lonxe. O seu tiro desde fóra da área pasou próximo ao pau tras o lixeiro desvío de David Iglesias.
Aa substitucións invadiron o partido e o xogo baixou o ritmo. Houbo que esperar ao minuto 73 para contabilizar un xute desviado de Dani Jódar.
O partido empezaba a resultar pesado para o afeccionado baixo o control do equipo dirixido por Simón Lamas.
Nos minutos finais celebráronse os dous últimos tantos. Ankudinov, que non anotou nun partido co Bergantiños por primeira vez, fixo unha deixada perfecta, de costas á porta, para que Gandoy, que sumou tres cartóns amarelos na competición, xutara á rede alto e polo centro batendo a Álex Vila.
Parecía que o conxunto de Carballo, que se apuntara varios records do torneo tras o 0-8 en Vilalba, ía igualar o de maior diferenza nunha final galega da Copa RFEF, pero non foi así porque nun envío polo Boiro cara á área do rival, Tomás confiouse, Mateo non perdeu fío coa xogada para facerse coa pelota e, sobre a saída de Carlos, bateuno cunha perfecta vaselina.
O Bergantiños logra o seu segundo título galego en cinco participacións e poderá loitar polo estatal ao clasificarse como campión da fase galaica. Pablo Prieto, presidente da RFGF, entregou a copa ao capitán encarnado, Iago Novo. O Boiro, que tamén podería ser bicampión, ficou como subcampión e xa pensa no primeiro partido de liga contra o At. Coruña Montañeros en Barraña esperando recuperar lesionados como Prol.
Ficha
SÁBADO 22/08/2026 (18,00) Campo: JULIO MATO “MATITO” (Noia) (350)
C.D. BOIRO : 1 – BERGANTIÑOS F.C. : 3 (0-2)
BOI : Borja (Álex Vila 79’); Yosi, Kike (Ozores 63’), Iago, Aarón Martínez; Insua [(Parada D) (Bruno 47’)], Diego, Mario Romero (Juanma D), Landeira (Mateo 63’), Juampa (Peque D); Cambón (Óscar 79’). Tre. José Tizón.
BER : Carlos; Joseda (Isra 63’), René Pérez (Nacho Pastor D), Tomás, Dani Jódar (Berrocal 84’); Koke (Villaverde 63’), David Iglesias (Aarón 63’), Iago Novo (Adri Álvarez 73’), Gandoy, Ale Sánchez; Pachón (Ankudinov 63’). Tre. Simón Lamas. (Banco: Alberto (g); Insua; Carlos González; Uwumiro).
Goles: 0-1 Tomás 8’; 0-2 Ale Sánchez 24’; 0-3 Gandoy 89’; 1-3 Mateo 90’.
Árbitro: Táboas Lagoa (Galiza-Vigo). Auxiliares: Fragueiro Bautista e Veiga Benítez. 4º árb.: Arredondas Fernández.
Disciplina: CA: Gandoy 37’; Kike 54’; Juanma 83’; Aarón Martínez 86’.
Foto: O Bergantiños gaña a edición 2026/27 do Copa RFEF-Galiza. © 21noticias.com