Ranking de Shanghai: idolatría máis autodesprezo

Profesor “ad honorem” da USC

Aínda fresco o último ranking de Shanghai, os medios insisten en que as universidades galegas perden posicións diante dese novo oráculo de Delfos. Algúns semellan mesmo experimentar un secreto gozo nese autodesprezo.

A ver. Que as universidades van mal, xa o sabemos. E se peinamos canas, ou xa non temos nada que peinar, teremos experimentado directamente ese deterioro, que orixinariamente xa ven dos tempos de Villar Palasí (1971), e, despois, da LRU; e despois das universidades privadas de Felipe González (de 1993 en diante) e finalmente, para derramar todo, Bolonia. Ao peor —oxalá que non— da “Universitas” non queda moito máis que o nome, como unha etiqueta nun frasco case baleiro.

Todo eso sabémolo, padecémolo e lamentámolo. Pero que veña un pretencioso oráculo mundial, como unha estatua dunha xustiza imparcial de ollos vendados, con xurisdicción planetaria, repartindo cualificacións académicas polo mundo, non. Quen poda facer eso terá o inmoderado poder de impoñer, indirectamente, un único modelo. Non casualmente, neses rankings as universidades que van mellor son americanas (e algunhas inglesas), coas chinesas pulando forte (das 30 primeiras, 4 son chinesas, 1 francesa, 1 suiza, ningunha alemana), como se os chineses souberan o que é unha universidade; como se “Idea dunha Universidade”, a “Disputa das Facultades” e outras obras dese tema, foran escritas na China e copiadas por nós..

Básicamente, hai catro modelos de universidade, hoxe moi rebumbiados: o inglés, o napoleónico, o alemán e as “research universities” americanas. Recentemente, Bolonia provocou a desfeita que todos coñecemos, particularmente perxudicial para as nosas universidades por impoñernos orientacións anglosaxonizantes.

Quen teña o poder de facer estes rankings, como quen en España ten o poder de acreditar universidades ou facultades, ten un poder moi grande, e pode acabar coa autonomía das universidades (ou o que quede dela) porque impón un paradigma e coloca ás universidades segundo o que se acheguen a él. Dixemos que nas primeiras universidades no ranking de Shanghai 2026, as primeiras son todas anglos. Para atopar unha alemana, hai que baixar ao posto 45, e aínda moito máis para unha italiana (La Sapienza, 151-200, como Barcelona). Diante delas hai unha morea de chinesas. De verdade somos tan maliños? Que é iso: Decadencia europea (que hai) ou sesgo no ranking chinés?

A idea de universidade implica: saber cualitativamente superior, razón, cultura, pensamento libre… Eso vai mal en todos os sitios, certo, pero, por acaso, vai millor na China? Non hai moitos anos, un traductor chinés pasábao moi mal para traducir “Estado de Dereito”, porque nin o concepto tiñan.

A Xunta de Galicia, o estado español e a UE están para defender as nosas universidades; non para idolatrar ese ranking como neo-pailáns tecnolóxicos post-modernos. É a súa obriga. Non vaia ser o mesmo conto do que pasa coa industria automovilística europea: duramente asoballada por quen máis debe defendela.

Comparte éste artículo
No hay comentarios