A Asociación Veciñal As Carballeiras denuncia o estado de deterioro que presenta parte do mobiliario urbano do barrio, especialmente varios dos bancos situados en espazos de uso habitual da veciñanza.
A entidade veciñal sinala que algúns destes bancos presentan un importante desgaste da madeira, con perda do tratamento superficial, presenza de humidade, sucidade e acumulación de liques. Nalgúns casos, o paso do tempo provocou tamén un deterioro visible das propias táboas.
As Carballeiras considera que o estado destes elementos ofrece unha imaxe pouco coidada e pon de manifesto a necesidade de realizar actuacións periódicas de mantemento. “Os bancos son elementos de uso habitual para a veciñanza e é importante que se atopen en boas condicións, tanto de conservación como de uso”, sinalan desde a asociación.
A entidade lembra que nos últimos anos xa se realizaron actuacións de renovación e conservación de bancos en diferentes zonas da cidade, con traballos de reparación, lixado e aplicación de produtos protectores para a madeira. Desde As Carballeiras consideran necesario dar continuidade a este tipo de intervencións para evitar que o deterioro dos elementos existentes vaia a máis.




“Con pequenas actuacións de mantemento pódese prolongar a vida útil dos bancos e evitar que sexa necesario substituílos cando o seu estado xa sexa irrecuperable”, apuntan desde a asociación.
As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo que revise o estado dos bancos e do resto do mobiliario urbano do barrio e que proceda á limpeza, reparación e tratamento daqueles elementos que presenten un maior nivel de deterioro.
A asociación considera tamén necesario establecer un mantemento periódico do mobiliario urbano, especialmente dos elementos de madeira que permanecen expostos ás condicións meteorolóxicas durante todo o ano.
Por todo isto, a Asociación Veciñal As Carballeiras solicita ao Concello de Lugo que actúe sobre os bancos que presentan un peor estado e que manteña unha planificación regular de conservación do mobiliario urbano, garantindo que os espazos públicos do barrio se atopen en condicións adecuadas para o seu uso.