Dirixidas a nenos de entre 5 e 12 anos, realizaranse o mércores, xoves e venres de 10:30 a 13:00 horas.
O Concello completará a próxima semana a programación de actividades no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar do verán. Neste caso baixo o título Moendo en setembro, con tres propostas dirixidas ao público infantil que combinarán aprendizaxe, creatividade e diversión. Serán as últimas que se realicen nese lugar antes do inicio do curso escolar 2026-2027.
Esta nova iniciativa volver ter como finalidade encher de actividade este espazo municipal e contribuír á súa dinamización e á posta en valor do patrimonio etnográfico da Laracha, achegando o Centro de Interpretación aos máis pequenos por medio de propostas relacionadas, directa ou indirectamente, coa tradición e a cultura popular.
A programación comezará o mércores 2 de setembro con Máns á masa, un obradoiro de cociña saudable.
O xoves 3 será a quenda de Muiño Fest, un obradoiro no que os nenos crearán as súas propias maracas sonoras empregando materiais reciclados. Para participar nesta actividade deberán levar algún material deste tipo, sobre o que recibirán indicacións no momento de formalizar a inscrición.
A programación pecharase o venres 4 de setembro con Embarr-Arte, un obradoiro creativo no que o barro será o elemento principal. Os participantes poderán experimentar con este material para elaborar diferentes pezas, desde lapiceiros ata formas destinadas a converterse en colgantes e outras creacións.
Os tres obradoiros están dirixidos a nenos de entre 5 e 12 anos e desenvolveranse en horario de 10:30 a 13:00 horas. A inscrición é gratuíta e as prazas deberán reservarse previamente chamando ao teléfono 647 82 85 59 ou enviando un correo electrónico a museodegolmar@alaracha.gal.
Con Moendo en setembro, o Concello dá continuidade á aposta por programar actividades ao longo do ano no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, favorecendo o coñecemento deste espazo e contribuíndo a manter vivo e achegar ás novas xeracións o patrimonio etnográfico municipal.