A Odisea esculpida en Compostela

O estudo de Francisco Prado-Vilar (USC-CISPAC) identifica o episodio de Circe e novas claves para interpretar a Columna de Ulises da Catedral de Santiago.

O investigador do CISPAC e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Prado-Vilar presenta unha nova interpretación da chamada Columna de Ulises, unha peza románica de mármore procedente da antiga Porta Francíxena e conservada actualmente no Museo da Catedral. A investigación, publicada en Románico Digital, reconstrúe as fontes literarias e iconográficas empregadas polo obradoiro compostelán do século XII e permite comprender a columna como unha reelaboración cristiá da Odisea, creada para relacionar a viaxe do heroe grego coa experiencia dos peregrinos que chegaban a Santiago.

A presenza de Ulises na fachada da Catedral non respondía a unha ilustración literal do poema de Homero. Na tradición medieval, o heroe podía ser interpretado como omnium peregrinus, o viaxeiro que atravesa un mundo de perigos e seducións sen perder de vista o regreso á súa verdadeira patria. A súa travesía convertíase así nunha imaxe da condición espiritual do peregrino e podía poñerse en relación coa propia viaxe atlántica do Apóstolo ata Compostela.

Na banda central represéntase o paso de Ulises ante as sereas, pero o escultor abandona a fórmula habitual do heroe atado ao mastro. A escena concentra o seu significado nun xesto no que Ulises rodea a cabeza dun dos seus compañeiros e lle tapa o oído para protexelo do canto mortal. A cera, identificada pola tradición cristiá cos Evanxeos, convértese no instrumento que permite resistir as voces enganadoras. Ao redor dos navegantes aparecen diferentes tipos de sereas e unha figura con trazos de Escila, vinculada na interpretación moral medieval á violencia do desexo. A escena dialogaba, ademais, coa figura do rei David da antiga fachada, que vencía coa súa música outra serea.

A principal novidade do estudo é a identificación do episodio de Circe no rexistro superior. Nel, un guerreiro e o seu cabalo caído aparecen acosados por aves, animais e seres híbridos arredor dunha figura feminina. A comparación con textos de Isidoro de Sevilla e Boecio e con manuscritos do século XII permite interpretar a escena como unha representación do poder das paixóns para degradar a natureza humana. O escultor converteu a fuxida de Ulises do dominio de Circe nun combate protagonizado por un cabaleiro medieval e inspirado tamén en modelos procedentes de sarcófagos romanos.

A disposición helicoidal dos relevos forma parte do significado da obra. O espectador debe rodear a columna e seguir coa mirada unha narración que ascende desde a nave situada na base ata as escenas de tentación, metamorfose e combate. Este percorrido materializa o carácter polytropos de Ulises, o home das múltiples voltas e transformacións, e activa unha experiencia que implica a vista, o tacto, o son e o movemento do propio espectador.

A investigación complétase con A Odisea Atlántica. Unha viaxe audiovisual pola Columna de Ulises da Catedral de Santiago, un vídeo-ensaio creado a partir dun xemelgo dixital da peza. O modelo foi xerado mediante fotogrametría a partir de numerosas imaxes de alta resolución e posteriormente procesado e optimizado por Alexandre González Rivas no laboratorio multidisciplinar KosmoTech_1200 (USC-CISPAC), baixo a dirección científica de Prado-Vilar. A virtualización permite controlar a iluminación, os movementos da cámara e a relación da escultura co espazo, liberándoa da contemplación estática que condiciona a súa localización actual no Museo da Catedral.

O vídeo transforma a exploración da columna nunha navegación. A cámara atravesa a auga e percorre o curso helicoidal dos relevos desde a embarcación situada na base ata as sereas, as metamorfoses asociadas a Circe e o rexistro superior. As ondulacións do mármore convértense en ondas das que emerxen corpos, animais e criaturas monstruosas, recuperando a poética da metamorfose e a dimensión inmersiva da obra.

Comparte éste artículo
No hay comentarios