O portavoz popular sinala que “o Ministerio non só segue sen darnos data para ter máis frecuencias, para a alta velocidade ou para a autovía entre Lugo e Santiago; senón que se nega a darnos data para a apertura da nova estación e non nos deixa nin sequera utilizar as nosas propias rúas que mantén cortadas” .
O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, considera que “queda acreditado o desinterese absoluto do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e de ADIF por cumprir coa provincia de Lugo” toda vez que “seguimos sen data de apertura da nova estación intermodal nin para o remate da autovía A-54, seguimos sen ter ningún tipo de noticias sobre o incremento de frecuencias na provincia de Lugo e seguimos desconectados da alta velocidade”.
Ameijide engade que “a única certeza que temos é que a nosa probablemente sexa a provincia peor conectada de España e, sen dúbida, a peor de Galicia e a contorna en canto a conexións ferroviarias”.
O popular explica que “os lucenses seguimos illados polo Goberno de Sánchez non só sen frecuencias e sen trens de alta velocidade; senón que, agora, tamén se negan a abrir unha estación que aseguran que está rematada”. Polo tanto, cre que “queda claro que se a estación segue pechada é porque ADIF quere”.
Antonio Ameijide incide especialmente nos prexuízos para a mobilidade na cidade de Lugo ante o peche ao tráfico a rúa Conde Fontao onde as obras acometidas por ADIF están rematadas, pero que se negan a abrir por capricho político”, segundo considera.
Polo tanto, “os lucenses non dispoñemos dunha conexión que había e que era absolutamente necesaria por capricho político do PSOE”. É dicir, “o Partido Socialista quere que a estación e a rúa Conde Fontao continúen pechadas”.
Ameijide agarda “unha rectificación” dos representantes do PSOE lucense que fai uns días culpaban ao goberno local por ter a rúa pechada “tras ver que é ADIF quen di alto e claro que son eles os que se negan a abrir a obra” e que o goberno local non podía abrir a rúa ao tráfico. E tamén pide “explicacións” aos socialistas polo “enésimo insulto aos veciños de Lugo e a provincia”.