O BNG de Vimianzo mostra a súa preocupación polo recorte de profesorado e unidades no CEIP Baíñas

Para o curso 2026-2027, o centro pasará a ter unicamente tres unidades, e reducirá de seis a catro os postos docentes, o que obrigará a concentrar o alumnado de Infantil e Primaria nun menor número de grupos, e que pode dificultar a atención individualizada e a resposta ás diferentes necesidades educativas.

 O BNG de Vimianzo vén de mostrar a súa preocupación polo recorte de profesorado e unidades no CEIP Baíñas, logo de coñecer a orde publicada pola Consellería de Educación para o curso 2026-2027, que deixa ao centro escolar con dous postos docentes menos, pasando de seis a catro, e con tan só tres unidades.

Esta situación obrigará a concentrar o alumnado de Infantil e Primaria nun menor número de grupos, o que pode dificultar a atención individualizada e a resposta ás diferentes necesidades educativas.

Desde o BNG consideran “especialmente preocupante” que este tipo de recortes afecten unha vez máis aos servizos públicos do rural. “A escola de Baíñas non é só un centro educativo: é un servizo fundamental para as familias e un elemento esencial para manter viva a parroquia”, sinalaron os nacionalistas, que cren que “reducir os seus recursos significa tamén restarlle oportunidades e futuro”.

Ante esta situación, a formación nacionalista promoverá con carácter urxente as iniciativas necesarias a nivel parlamentario e municipal co obxectivo de reverter a situación.

“Reclamaremos a Educación que reconsidere esta decisión e manteña os recursos docentes e as unidades necesarias para garantir a calidade educativa no CEIP Baíñas”, manifestou o BNG.

Os nacionalistas indicaron que “defender a escola pública no rural é defender o futuro das nosas parroquias”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios