A eurodeputada Ana Miranda advirte que os vindeiros orzamentos da UE adicarán máis cartos ás partidas militares e de seguridade, vendendo á agricultura, á pesca e aos sectores produtivos, mentres a Comisión Europea e o PP impulsan unha centralización con menor fiscalización dos investimentos europeos, quitándolle competencias aos territorios.
Ante a negociación aberta nas institucións comunitarias sobre os vindeiros orzamentos da Unión Europea, o BNG defende que Galiza manteña a súa voz e capacidade de decisión sobre os investimentos dos fondos europeos e rexeita a centralización e menor fiscalización que propón a Comisión Europea e impulsa o PP europeo en alianza coa extrema dereita.
A euodeputada do Bloque, Ana Miranda, como única representante galega na negociación sobre o control dos fondos europeos, presentou 155 emendas ao Regulamento de Acompañamento, as novas normas de seguimento e fiscalización da execución dos orzamentos comunitarios. O BNG defende que manteñan a protección do medio ambiente, da cohesión social e territorial e as políticas de xénero como obxectivos prioritarios porque, como sinala Ana Miranda, “Galiza non pode permitir que se perdan oportunidades”.
O vindeiro martes 1 de setembro a Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo votará sobre estas normas de control. Ana Miranda adianta que “dende o BNG non imos amparar a falla de control duns orzamentos con fins militaristas e control centralizado, como pretende a Comisión da señora da guerra Von der Leyen e quere aprobar o Partido Popular Europeo”.
Dende o comezo das negociacións sobre este regulamento de fiscalización orzamentaria, o Partido Popular tentou rematar coa súa existencia e, posteriormente, aliouse coas formacións de extrema dereita como Vox e dos grupos da italiana Giorgia Meloni e da francesa Marine Le Pen para diluílo. “Que queren agochar os dirixentes do PP en toda Europa en relación cos fondos comunitarios? Que queren agochar o Sr. Rueda, o Sr. Feijóo, a Sra. Von der Leyen? Dende o BNG imos fiscalizar en que gastan os cartos das galegas e galegos. Ou non temos xa exemplos de malgasto e atrasos na execución, como acontece en Galiza?”, denuncia a representante do Bloque.
O PP quere máis gasto militar, menos para a xente e os sectores produtivos
Partidas de gran importancia para Galiza como o Fondo de Pesca, os da Política Agraria Común (PAC), o Fondo Social Europeo ou o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional pasarían a regularse por estas novas normas de fiscalización e perderían cartos, segundo a proposta do futuro Marco Financeiro Plurianual da UE do 2028-2034 da Comisión Europea, impulsada polos gobernos do PP nos Estados Membros e da súa maioría coa extrema dereita no Parlamento Europeo.
Estas contas quitaríanlle 80.000 millóns de euros á PAC para adicarllos precisamente aos investimentos militares. E os fondos para a Pesca reduciríanse entre un 35% e un 65%. “O PP vende a Galiza, aos seus cidadáns e aos seus sectores produtivos, queren gastar os fondos europeos en plans deseñados dende as capitais”, advirte Ana Miranda. “Madrid, e non Galiza, marcará as nosas prioridades, mentres o PP amosa a súa verdadeira faciana aliándose coa extrema dereita para gastar os cartos de Europa en investimentos militares que enriquecen esa industria”.
As propostas da Comisión Europa que defende a dereita agochan, como explica a eurodeputada do BNG, baleiros legais e prioridades á carta en favor da militarismo e dos grandes grupos industriais, que permitirían “á Xunta ou ao Estado español xustificar nun futuro proxectos como o de ALTRI en base ao seu peso industrial”.
Porque aínda que os vindeiros orzamentos comunitarios deberían adicar o 35% das partidas a proxectos na mellora do clima e defensa do medio ambiente, o grupo político do PP de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo pediu expresamente blindar os investimentos en defensa e seguridade diante de calquera consideración social, medioambiental ou de xénero.