A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusa a Feijóo de facer campaña coa dor de Ceuta e a Rueda de tapar a súa mala xestión sanitaria atacando ás persoas enfermas.
A secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Lara Méndez, resumiu o acto de inicio de curso político do Partido Popular en Cerdedo-Cotobade como «un mitin de precampaña no que sobraron insultos e faltou Galicia», criticando a ausencia total de propostas en materias clave como a sanidade publica ou a vivenda.
Para a dirixente socialista, a cita serviu unicamente para que «Feijóo viñese facer campaña coa dor de Ceuta mentres Rueda lle poñía o escenario». En palabras de Méndez, «un político de Estado non converte unha crise nun mitin nin anuncia querelas desde un palco. Feijóo dedicouse a sementar dúbidas sobre as Forzas Armadas e sobre as propias institucións que di defender; un camiño propio da ultradereita que hoxe percorreu por completo».
As claves da crítica socialista:
- División e desrespecto político: Méndez censurou o discurso no que o líder do PP catalogaba quen era «decente ou indecente», asegurando que «un candidato que divide aos españois non está retratando aos seus adversarios, senón retratándose a si mesmo e amosando como gobernan en Galicia: para os seus e contra os demais».
- Ataques á sanidade e autocrítica involuntaria: A responsable de Organización cualificou de «indecente» que Rueda «ameace aos traballadores de baixa médica para tapar o colapso da atención primaria». Ademais, subliñou a «autocrítica involuntaria» do presidente da Xunta ao anunciar plans para a sanidade e a educación: «Quen leva 17 anos gobernando este país? Escoitándoo, calquera diría que Galicia a goberna Madrid».
- Defensa do interese galego fronte ao servilismo: Frente ás acusacións de servilismo proferidas polo PP, Méndez contrapuxo que «servilismo é converter a Xunta nunha sucursal de Génova» e reprochou a Rueda que se negue a negociar máis de 550 millóns de euros para a comunidade ou que rexeite a condonación da débeda.
Lara Méndez concluíu reafirmando o compromiso dos socialistas galegos: «Neste novo curso político, nós seguiremos falando do que realmente lle importa á cidadanía: da sanidade, da vivenda, do emprego e dos servizos públicos; asuntos dos que hoxe, en Cerdedo-Cotobade, non se dixo nin unha sóa palabra».