O Concello de Lugo abre hoxe o prazo para que as asociacións deportivas e entidades sen ánimo de lucro da cidade soliciten as subvencións municipais destinadas ao desenvolvemento da súa actividade deportiva, cunha dotación total de 481.500 euros.
A convocatoria, publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP), dá continuidade ao compromiso trasladado recentemente polo Concello aos clubs deportivos do municipio e pon en marcha o procedemento para que as entidades interesadas poidan acceder a estas axudas.
As subvencións están dirixidas a asociacións deportivas e persoas xurídicas privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no ámbito deportivo, estean legalmente constituídas e teñan o seu domicilio no Concello de Lugo.
O prazo permanece aberto ata o 11 de setembro
As entidades interesadas dispoñen de 10 días hábiles para presentar as súas solicitudes, desde hoxe e ata o 11 de setembro, incluído.
As solicitudes, xunto coa documentación requirida, deberán presentarse por vía electrónica a través do portal do Concello de Lugo.
O período subvencionable abrangue as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025, así como as desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2026.
A data límite para presentar a xustificación da totalidade da subvención concedida será o 1 de novembro de 2026.
O Concello de Lugo destaca o traballo que realizan durante todo o ano as xuntas directivas, adestradores, deportistas e familias, contribuíndo ao desenvolvemento do deporte de base e competitivo na cidade.
Con esta convocatoria, o Concello reforza o apoio ás entidades deportivas locais, facilitando recursos para que poidan continuar desenvolvendo a súa actividade e promovendo a práctica deportiva na cidade.
As bases e a documentación da convocatoria están dispoñibles no portal web do Concello de Lugo e nos espazos municipais correspondentes.