Augas de Galicia denega a concesión para a central hidroeléctrica reversible de Mazaricos

Avogada e escritora

A Administración hidráulica rexeita a solicitude de Portodemouros Solar ao considerar que o proxecto foi modificado substancialmente durante a súa tramitación

Mazaricos. Augas de Galicia vén de denegar a solicitude presentada por Portodemouros Solar, S.L. para obter unha concesión de augas superficiais destinada á instalación dun sistema de almacenamento hidráulico de enerxía no río Xallas, no concello de Mazaricos, dentro do proxecto coñecido como central hidroeléctrica reversible da Ruña.

A decisión corresponde ao expediente AC/7/180, iniciado en 2023, no que se presentaron distintas propostas para o aproveitamento hidráulico. Entre as solicitudes figuraban as de Feroe Ventures & Investments, SLU e Portodemouros Solar, SL, ademais dunha proposta de ADEGA orientada a usos ambientais.

A resolución céntrase especialmente nas modificacións introducidas por Portodemouros Solar respecto do proxecto presentado inicialmente. En marzo de 2026, a empresa achegou un novo documento denominado Anteproyecto Central Hidroeléctrica Reversible de Mazaricos, que incluía cambios no deseño da instalación.

Segundo Augas de Galicia, o novo proxecto contemplaba, entre outras modificacións, o desprazamento do depósito superior e un incremento da súa capacidade de almacenamento, cambios na xeometría e capacidade do depósito inferior, unha modificación do trazado do circuíto hidráulico e o consecuente desprazamento da casa de máquinas.

A Administración considera que estas modificacións non poden ser admitidas porque a solicitude inicial xa fora sometida ao trámite de competencia de proxectos, no que participaran outras propostas. A resolución baséase no artigo 119.1 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico, que establece que, neste tipo de procedementos, as peticións posteriores que introduzan modificacións na concesión deben ser denegadas.

Augas de Galicia argumenta que permitir a modificación do proxecto suporía desvirtuar o principio de concorrencia e podería vulnerar os principios de igualdade e transparencia entre os diferentes proxectos presentados.

O expediente atravesou unha longa tramitación. En 2024 realizouse o trámite de información pública, durante o cal se presentaron diversos escritos de alegacións contrarios aos aproveitamentos solicitados. Posteriormente, o proxecto de Portodemouros recibiu tamén un informe desfavorable de Patrimonio Cultural en marzo de 2025.

Finalmente, o 28 de maio de 2026, a área responsable informou desfavorablemente o novo proxecto de Portodemouros e propuxo a denegación da solicitude por introducir modificacións respecto da proposta inicialmente presentada.

A resolución non esgota a vía administrativa. Portodemouros Solar dispón dun prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación para presentar un recurso de alzada ante a Presidencia de Augas de Galicia.

A denegación afecta, polo tanto, á solicitude concreta de concesión formulada por Portodemouros Solar para este proxecto e non supón, por si mesma, unha pronuncia xeral sobre a posibilidade de desenvolver calquera outro aproveitamento hidráulico no río Xallas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios