O equipo investigador fai un chamamento ás familias das vítimas para achegar información e facilitar futuras identificacións mediante ADN.
A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do grupo de investigación Histagra, iniciaron hoxe no cemiterio parroquial de Serantes, en Ferrol, os traballos de investigación e cata arqueolóxica destinados a localizar, delimitar e coñecer o estado dunha das fosas vinculadas á represión franquista, como paso previo á posible recuperación e identificación dos restos das vítimas.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra; o catedrático de Historia Contemporánea da USC, investigador principal de Histagra e director científico do CISPAC, Lourenzo Fernández Prieto, e a investigadora e membro de Histagra Lucía Santiago Sanmiguel, responsable do estudo histórico sobre a fosa de Serantes, visitaron hoxe os traballos, que se desenvolverán ata o 11 de setembro.
“Hoxe damos un paso importante para recuperar a memoria e a dignidade das vítimas da represión franquista”, afirmou Valentín González Formoso, que destacou que o obxectivo é “investigar con rigor científico o sucedido en Serantes, localizar e delimitar as fosas, escavar e, cando sexa posible, recuperar e identificar os restos das persoas asasinadas e represaliadas”.
O presidente subliñou que “a Deputación pon recursos públicos ao servizo da investigación científica e, sobre todo, das familias que durante décadas agardaron respostas”.
Polo menos 197 persoas enterradas entre 1936 e 1942
O estudo histórico previo desenvolvido por Histagra documenta que entre 1936 e 1942 foron enterradas nas diferentes fosas do cemiterio de Serantes polo menos 197 persoas, a maior parte delas nos meses posteriores ao golpe de Estado de xullo de 1936.
Pola dimensión dos enterramentos documentados, Serantes constitúe un dos principais espazos de Galicia vinculados á represión franquista.
“Aquí cando hai cando menos 197 vítimas, 197 persoas con nomes e apelidos e con familias que, como nos pasaría a calquera de nós, queren que non se perda a memoria nin a referencia física do seu avó, o seu pai ou seu irmán”, sinalouFormoso.
O presidente lembrou tamén que se cumpren noventa anos do golpe de Estado de 1936 e reivindicou a responsabilidade das institucións democráticas neste ámbito. “Non podemos cambiar o ocorrido, pero si temos a responsabilidade de contribuír a coñecer os feitos, preservar a memoria das vítimas e ofrecer respostas ás súas familias”, afirmou o presidente, agradecendo “a sensibilidade e a solvencia coa que Histagra aborda un tema como este”.
Na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, as investigacións sobre a represión franquista contabilizan 904 vítimas, cuxos nomes e apelidos están tamén lembrados no monumento ás vítimas situado en Canido, en Ferrol.
Historia, arqueoloxía e antropoloxía forense
As primeiras catas permitirán localizar e delimitar con maior precisión unha das fosas, determinar o seu estado de conservación e avaliar as posibilidades de recuperación dos restos. Os resultados desta fase condicionarán os seguintes pasos da intervención.
O estudo arqueolóxico está coordinado por José Carlos Sánchez Pardo, membro do grupo AEVUM da USC e do CISPAC, mentres que os traballos sobre o terreo son desenvolvidos por Tempos Arqueólogos.
No caso de localizarse restos óseos, desenvolverase unha análise de antropoloxía forense coordinada polo investigador Edgard Camarós, membro do grupo GEPN-AAT da USC e do CISPAC. Estes estudos permitirán, entre outras cuestións, determinar a existencia de posibles signos de violencia compatibles cos feitos investigados e avanzar na súa eventual identificación.
A investigación científica global está coordinada por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, membros do grupo Histagra da USC e do CISPAC. Histagra desenvolve a investigación histórica a través do traballo dos investigadores Xurxo Antelo e Lucía Santiago.
A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, destacou a importancia de continuar dando visibilidade á realidade da represión exercida na provincia da Coruña tras o golpe de Estado militar de 1936.
“Aquí non chegou a haber guerra, ningunha batalla, só persoas asasinadas por pensar que a República representaba a lexitimidade saída das eleccións”, afirmou.
Agra referiuse tamén á magnitude dos enterramentos documentados en Serantes, con episodios de enterramentos colectivos de numerosas persoas, e advertiu das dificultades que pode presentar a intervención debido ás transformacións posteriores experimentadas polo cemiterio e á construción de nichos sobre algunhas das zonas nas que poderían atoparse as fosas.
“Non sabemos se poderemos sacar todos os corpos pola colocación posterior de nichos, pero tentaremos pescudar onde se atopan para dignificar os seus nomes e as súas historias de valentía. Debémosllo a eles, ás súas familias e a toda a sociedade, porque sen coñecer a verdade é imposible ter liberdade para ter opinión”, afirmou.
Lourenzo Fernández destacou que se trata dun traballo complexo e multidisciplinar, no que participan varios departamentos da USC e “sinalou que todo isto ten que ver con honrar a todas esas persoas que foron asasinadas” e agradeceu a colaboración de familias e asociacións da zona.
A investigadora e membro de Histagra Lucía Santiago explicou o traballo feito antes das catas arqueolóxicas e avanzou que os primeiros resultados das mesmas daranse a coñecer a partir do día 9 de setembro.
Un traballo construído tamén coa memoria das familias
O estudo histórico previo sobre Serantes foi desenvolvido por Lucía Santiago coa colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e das propias familias das vítimas.
O papel destas familias foi fundamental durante décadas para conservar nomes, fotografías, documentos e testemuños cando apenas existían respostas institucionais. As primeiras intervencións parciais realizadas en Serantes remóntanse, de feito, aos anos sesenta e foron impulsadas polos propios familiares.
O equipo investigador fai agora un chamamento ás persoas que teñan familiares represaliados ou que dispoñan de información sobre os enterramentos de Serantes para que acheguen datos e testemuños que poidan completar a investigación histórica.
A colaboración familiar será tamén esencial se se localizan restos susceptibles de identificación, xa que permitirá dispoñer de mostras xenéticas de familiares para realizar posteriormente os correspondentes cotexos de ADN.
Un proxecto que inclúe tamén Beira e Boisaca
A intervención de Serantes enmárcase no convenio entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela para desenvolver traballos de investigación histórica, arqueolóxica e forense en tres enclaves da provincia relacionados coa represión franquista: Serantes, en Ferrol; Beira, en Carral, e Boisaca, en Santiago de Compostela.
O proxecto conta cun financiamento de 150.000 euros, financiado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática do Goberno de España, e coa participación de equipos especializados en historia contemporánea, arqueoloxía e antropoloxía forense.
Os traballos desenvolvidos no cemiterio de Beira finalizaron no mes de xullo. Durante a intervención localizáronse catro corpos e puideron ser exhumados dous deles. A actuación no cemiterio de Boisaca desenvolverase próximamente.