Ecoloxistas en Acción denuncia o “fraccionamento” do Proxecto Cobre San Rafael na mina de Touro

Ecoloxistas en Acción alerta de irregularidades na tramitación ambiental do Proxecto Cobre San Rafael. A organización ecoloxista revela que a empresa oculta plans para unha macroexplotación mineira de 19.000 hectáreas en Touro, Arzúa, Boqueixón e Santiago de Compostela, dividindo o proxecto para obter unha Avaliación de Impacto Ambiental favorable.

Unha macroexplotación mineira oculta de 190 km² entre Touro e Santiago

Tras analizar a documentación dirixida ao accionariado da empresa, a organización destapou o documento Technical Report on the Mineral Resources of the Touro Copper Project. Este informe confirma que o plan real engloba 10 dereitos mineiros e 19.000 hectáreas de extensión, unha dimensión moi superior á presentada formalmente ante a Xunta de Galicia.

A estratexia inclúe a solicitude e reactivación de varios permisos de investigación na comarca:

  • Permisos activos e en trámite: «Lavacolla» (parroquia de Bando, Santiago) e os permisos «Touro» e «A Muíña» (Touro e Arzúa).
  • Futuras ampliacións: Outros seis permisos en Santiago de Compostela e Boqueixón para reabrir a antiga mina de cobre de Fornás.
  • Proximidade á capital: Varios dereitos mineiros abarcan as parroquias compostelás do Eixo, Aríns e Marrozos, situándose a apenas 2 quilómetros da Cidade da Cultura.

Estratexia do «pé na porta»: evitar a Avaliación de Impacto Ambiental global

A división do expediente busca tramitar un proxecto reducido arredor da antiga explotación para conseguir máis facilmente a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable —despois de que a anterior tentativa recibira unha DIA negativa—. Unha vez asentada a actividade, a empresa planearía solicitar ampliacións sucesivas.

A intención é clara: obter a autorización cun proxecto inicial máis pequeno para despois aplicar o modelo das Minas de Riotinto en Huelva e escalar a explotación» — Isabel García, voceira de Ecoloxistas en Acción.

Ocultar estes plans de ampliación á administración e á cidadanía supón un fraccionamento do impacto ambiental e social real, afectando a numerosos núcleos de poboación e recursos hídricos sen a debida avaliación conxunta.

O fraccionamento de proxectos contravén a lei e a xurisprudencia do Supremo

Ecoloxistas en Acción lembra que a lexislación vixente sobre Avaliación de Impacto Ambiental prohíbe expresamente o fraccionamento de proxectos. Blanquear unha macroexplotación mediante expedientes illados vulnera ademais a xurisprudencia do Tribunal Supremo, que establece que non se pode avaliar de xeito independente o que forma parte dunha mesma estratexia empresarial e funcional.

Por todo isto, a organización esixe á Consellería de Medio Ambiente e á Consellería de Economía e Industria que non dilaten máis o procedemento e deneguen de inmediato o Proxecto Cobre San Rafael antes de causar un dano ambiental irreversible na contorna.

Comparte éste artículo
No hay comentarios