Rego denuncia o racismo das dereitas ultras e a pésima xestión do goberno na crise de Ceuta

O deputado do BNG exixe ao Goberno non reformar a Lei de Estranxeiría en sentido regresivo e optar polo diálogo para buscar unha saída digna e humana.

Durante a comparecencia do Presidente do Goberno no pleno do Congreso, odeputado do BNG, Néstor Rego, denunciou a “pésima” xestión realizada polo Goberno español ante os feitos acontecidos en Ceuta os pasados 30 e 31 de xullo e reclamou unha resposta “digna e humana” para as persoas migrantes, frente ás vías represivas e regresivas que pretende impulsar a dereita e a ultradereita.

Rego comeza a súa intervención expresando o apoio e solidariedade do BNG ás persoas que máis están a sufrir as consecuencias da crise, tanto ás persoas migrantes que permanecen en Ceuta como á poboación ceutí, especialmente aos sectores máis vulnerábeis e á poboación musulmá, vítima de ataques racistas. O deputado nacionalista lembra tamén as 141 persoas falecidas.

Neste sentido, o BNG condena rotundamente a instrumentalización política do sufrimento humano por parte de “forzas políticas que fan do odio, da xenofobia e do racismo bandeira para os seus obxectivos políticos e electorais”, e sinala directamente ao PP e Vox.

Néstor Rego cuestiona duramente a actuación do executivo, ao considerar que “por se fose pouco a falta de previsión, a lentitude na reacción e a incapacidade de fornecer solucións rápidas e eficaces, a descoordinación e o descontrol súmanse as explicacións” ofrecidas polo presidente do Goberno sobre as responsabilidades detrás da entrada de 70.000 persoas nos días 30 e 31 de xullo.

Neste sentido, critica que Pedro Sánchez, máis unha vez, se renda “a Marrocos e ao sátrapa Mohamed VI, exculpándoo de calquera responsabilidade, a pesar das evidencias e dos intereses que facilmente se pode descubrir por detrás” afirma.

O deputado do BNG salienta “o interese dos EUA para o control dos chamados Choke points, dos puntos de estrangulamento que condicionan o comercio internacional. O control do estreito de Xibraltar ten carácter xeoestratéxico nese contexto. Por tanto, seguindo os intereses económicos, políticos e xeoestratéxicos, mesmo sen os informes policiais que unha xuíza, ao que parece, impediu que chegasen ao goberno, as responsabilidades apuntan nunha dirección inequívoca e non é precisamente a que vostede sinala”.

Unha crise humanitaria e a submisión a Marrocos do Goberno

Para o BNG, alén da dimensión política, a crise de Ceuta é fundamentalmente unha crise humanitaria que debe ser abordada desde o respecto aos dereitos humanos. Rego sinala que as migracións forzadas teñen a súa orixe no “espolio colonial dos países africanos ou mesmo neocolonial até os nosos días” e critica a resposta deshumanizada que pretenden impor determinados estados europeos.

O deputado nacionalista denuncia de igual maneira a utilización do sufrimento das persoas migrantes por parte da dereita e da ultradereita española, así como a súa “indisimulada pulsión colonialista”.

Rego cuestiona tamén a posición do Goberno español a respecto de Marrocos e do Sáhara Occidental. “O seu interese en exculpar o ditador marroquino” resulta especialmente grave tendo en conta a ocupación e colonización ilegal do Sáhara Occidental e a represión que tamén sofre a poboación do Rif, de lingua e cultura amazigh.

Neste contexto, reclama ao Executivo que deixe de fornecer apoio político e militar ao réxime marroquí e aplique a Lei 53/2007 sobre o comercio exterior de material de defensa e de duplo uso, que establece límites á exportación de armas cando estas poidan ser utilizadas para vulnerar os dereitos humanos ou o dereito internacional humanitario.

Non á reforma regresiva da Lei de Estranxeiría

Finalmente, Néstor Rego deixou clara a posición do BNG frente ás propostas de endurecemento das políticas migratorias. “Para denunciar as campañas de odio e para frear as ultradereitas españolistas, sempre estará o BNG. Para o que non estaremos é para reformar a Lei de estranxeiría en sentido regresivo” afirma con contundencia.

O deputado nacionalista exixe a Pedro Sánchez rectificar e optar pola vía do diálogo para buscar unha saída razoábel, contando coa participación da sociedade ceutí “en toda a súa pluralidade” e garantindo unha resposta digna para as persoas migrantes.

“Unha saída digna e humana para as persoas migrantes, non a través de vías represivas nin regresivas” conclúe Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios