Un grupo de veciños e veciñas, xunto con persoas vinculadas á parroquia de Cobas, reuniuse este xoves para constituír a “Asociación Cultural-Comisión de Festas de Cobas-Ferrol”.
Durante o primeiro encontro asináronse a acta fundacional e os estatutos da entidade, documentación que será presentada nos próximos días para a súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.
A primeira xunta directiva estará integrada por Manuel Beceiro, como presidente; Francisco Vellón, como vicepresidente; Joao González, como secretario; e María de los Ángeles Sánchez, como tesoureira. Exercerán como vogais Margarita Espiñaira, Daniel Lorenzo e Joaquín Enríquez.
Entre os seus principais obxectivos atópanse a organización de actividades culturais e lúdico-festivas, a promoción de Cobas e a recuperación das súas tradicións e celebracións populares.
Para acadar estes fins, a asociación prevé organizar encontros coa veciñanza destinados a recuperar a memoria e os costumes da parroquia, así como charlas, presentacións de libros, concertos e outros eventos culturais e divulgativos.
A nova entidade traballará como comisión de festas na organización das festas de Cobas e doutras iniciativas que favorezan a participación veciñal, reforcen a identidade da parroquia e contribúan a manter vivas as súas tradicións.