O Galician Freaky Film Festival celebra a súa décima edición en Vigo cunha mirada á historia do cinema fantástico a través da exposición Carteis Fantásticos. 10 anos do GFFF en Vigo coa colección Jean-Loup Passek, que poderá visitarse do 3 de setembro ao 3 de outubro de 2026 na Sede Afundación de Vigo.
A mostra reúne unha selección de carteis orixinais procedentes do Museu de Cinema de Melgaço Jean-Loup Passek, un dos fondos cinematográficos máis singulares de Europa. Desde as sombras expresionistas de Nosferatu ata os grandes títulos do terror das décadas dos setenta e oitenta, o percorrido permite descubrir como o cinema fantástico foi tamén un espello dos medos de cada época.
Unha historia de medo a través do deseño
Entre as pezas seleccionadas atópanse carteis de distintos países europeos de películas que forman parte da historia do cinema, como Nosferatu, Les Oiseaux, Psycho, La Maison du Diable, Rosemary’s Baby ou The Exorcist. A exposición inclúe interpretacións gráficas singulares, como a versión checa de El ángel exterminador, de Luis Buñuel, ou os carteis checos de títulos como Krotitelé duchů (Ghostbusters) ou Ples upírů, correspondente a The Fearless Vampire Killers.
Carteis Fantásticos permite descubrir como diferentes escolas gráficas europeas do século XX reinterpretaron un mesmo imaxinario a través de linguaxes visuais moi diferentes.
Os carteis son ao mesmo tempo ferramentas comerciais e obras de arte con valor por si mesmos. Desde expresividade case pictórica da escola polaca, á síntese xeométrica da tradición checa ou a elegancia narrativa do cartel francés, ofrecen unha nova perspectiva sobre películas que forman parte da memoria colectiva.
O legado de Jean-Loup Passek
A exposición procede da colección reunida ao longo de máis de cinco décadas por Jean-Loup Passek (1936-2016), crítico, programador e divulgador francés. Passek foi director das coleccións cinematográficas do Centre Georges Pompidou, en París; fundou o Festival de Cinema de La Rochelle e formou parte do xurado da Caméra d’Or do Festival de Cannes.
Ao longo da súa vida reuniu unha importante colección de carteis, fotografías, documentos e obxectos relacionados coa historia do cinema que agora están expostos en Melgaço, no Museu de Cinema Jean-Loup Passek.
A chegada desta colección a Vigo reforza a conexión cultural entre Galicia e Portugal na que Abella Producións vén traballando desde a súa creación. Este proxecto transfronteirizo converte ao cine, unha vez máis, nunha linguaxe sen fronteiras.
Créditos
Carteis Fantásticos. 10 anos do GFFF en Vigo coa colección Jean-Loup Passek
Datas: do 3 de setembro ao 3 de outubro.
Lugar: Sede de Afundación de Vigo, situada na rúa Policarpo Sanz, 24-26.
Horario: de luns a sábado, de 17:30 a 20:30 horas. Os domingos e festivos permanecerá pechada.
Entidade organizadora: Abella Producións.
Comisariado: Maria do Céu Lourenço, Raquel Vázquez, Juan de Castro e André de Oliveira.
Asesoramento técnico: Afundación, Obra Social ABANCA.
Montaxe: Afundación, Obra Social ABANCA, Raquel Vázquez.
Produción: Juan de Castro, André de Oliveira e Diego Gil.
Gráficas: Garpe.
Co apoio de: Afundación, Obra Social ABANCA, Museu de Cinema de Melgaço Jean-Loup Passek, Câmara Municipal de Melgaço, Deputación de Pontevedra, AGADIC, Concello de Vigo, Ministerio de Cultura-ICAA.
X EDITION: CELEBRANDO UNHA DÉCADA DE FREAKISMO
O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis freaky do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. O festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo ofrece unha coidadísima selección de curtametraxes, traendo estreas absolutas en Galicia. Ademais é o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. A décima edición do festival celébrase do 17 ao 26 de setembro na Plaza Vigo.
O seu ambiente único fai que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para vivilo en primeira persoa. A recente incorporación á prestixiosa Federación Méliés, así como o respaldo de máis de 4.000 asistentes na súa última edición de 2025, consolidan ao GFFF como unha cita obrigatoria para os amantes do cine fantástico e alternativo en todo o mundo.