O BNG de Dumbría insiste na necesidade de abrir un centro de día no municipio

O portavoz municipal dos nacionalistas, Xaime Trillo, considera que “a situación é límite no noso concello, onde non abondan as horas de SAF; contar cun centro de día faise cada vez máis urxente.

O BNG de Dumbría reiterou a necesidade de que o municipio conte cun centro de día que dea servizo a familias que contan con persoas dependentes. O portavoz municipal dos nacionalistas, Xaime Trillo, volveu a levar o asunto ao pleno ordinario celebrado este xoves 3 de setembro, e preguntou ao goberno local se ten realizada algunha xestión para a apertura dun centro de día.

O voceiro do BNG incidiu  en que “a existencia dun centro de día faise cada día máis urxente en Dumbría, pois moitas familias non teñen posibilidade de conciliar a súa vida laboral e familiar co coidado que precisan moitos maiores dependentes, sobre todo de grao severo ou grandes dependentes”.

Xaime Trillo manifestou que “a situación é límite no noso concello, onde non abondan as horas de SAF, porque as persoas dependentes están nesa situación as 24 horas do día, non as tres ou catro que teñen ese servizo”.

A formación nacionalista lembrou que xa o ano pasado impulsou unha moción no pleno na que pedía á Corporación municipal que se pronunciase para que o executivo municipal instase á Xunta de Galiza a executar a construción dun centro de día para ofrecer un mínimo de 25 prazas. A proposta foi aprobada naquel momento cos votos favorábeis dos grupos do PSOE e BNG, e a abstención do PP.

Puntos Violeta

O voceiro do BNG de Dumbría tamén solicitou ao equipo de goberno que estabeleza puntos violeta nas festas que se desenvolven no municipio. “Trátase dunha ferramenta importante para a información, prevención e apoio ante posíbeis casos de agresións machistas e sexuais”, sinalou Xaime Trillo.

O portavoz nacionalista afirmou que “os puntos violeta están pensados para ser lugares seguros e que facilitan información clara sobre como actuar, ademais de conectar de forma directa ás afectadas cos servizos de asistencia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios