O Traumacor Culleredo, que foi por detrás durante case todo o encontro, remata levándose o derbi de Copa Galicia por 79-85.
Estrea agridoce para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos nesta temporada 2026/2027. Os betanceiros, dirixidos polo tándem técnico que forman José Amando Pena «Soviético» e Chema Carretero, ofreceron un entretido e disputado partido de Copa Galicia fronte aos seus veciños do Traumacor Culleredo nun ateigado Pavillón Municipal José María Valeiro «Tocayo».
Malia que o triunfo acabou caendo do lado visitante nun desacertado treito final, o encontro deixou moi boas sensacións na bancada local. O Santo amosouse como un equipo compacto, agresivo en defensa, con ganas de competir e capaz de sobrepoñerse á baixa de Dani Martín (que deixou o club por motivos laborais).
Cronica do partido: dominio local e final fatídico
- Primeiro cuarto (26-19): O Santo arrincou con forza, imprimindo ataques rápidos e anotación fluída que lle permitiron dar a volta ao 0-4 inicial. Destacaron os bos minutos de Rozas (10 puntos) e as achegas de Nico Lagares, nun período cuxa única nota negativa foi a lesión no xeonllo de Luis Portilla, decisivo ata ese momento baixo o taboleiro.
- Segundo cuarto (16-21 | 42-40 ao descanso): O Culleredo recortou distancias. Con todo, os betanceiros superaron un par de minutos de desacerto para marchar ao descanso dous puntos por riba.
- Terceiro cuarto (22-22 | 64-62): A igualdade foi a nota dominante. Randolph amosou o importante que vai ser esta campaña (14 puntos ao remate, ao igual ca Latas) nun período que serviu tamén para a boa estrea do «4» gaditano Pablo Ríos (7 puntos).
- Último cuarto (15-23 | 79-85 final): Destacaron os bos números de Abelleira (10 puntos e 8 de valoración). Con todo, no treito decisivo, o Culleredo soubo darlle a volta ao partido, desfacer o empate a 79 no luminoso e certificar a vitoria grazas tamén a un frouxo 17/28 en tiros libres por parte dos locais.
Declaracións do adestrador
«O marcador estivo moi igualado durante todo o partido e ao final o Culleredo levou a vitoria. Se cadra faltounos unha transición defensiva máis rápida, pechar mellor o rebote defensivo e un meirande acerto nos tiros libres. Cabo destacar a incorporación ao equipo de Pablo Ríos. Agora toca seguir traballando para ir mellorando no xogo colectivo», valorou o técnico betanceiro ao remate do encontro.
Próxima cita: O Ineltrón Santo Domingo Betanzos continuará a súa participación na Copa Galicia visitando a pista do Xiria en Carballo.