O RC Deportivo e o FSV Mainz 05 proclámanse campións do XI Torneo Internacional Cidade de Narón

O RC Deportivo da Coruña, en categoría alevín, e o equipo alemán FSC Minz 05,en categoría benxamín, proclamáronse gañadores do Gran Premio Deputación da Coruña – XI Torneo Internacional Cidade de Narón. A cita clausurou este domingo no Estadio Municipal de Río Seco unha nova edición marcada pola alta participación e pola presencia dalgúns dos principais clubs de fútbol base de España e do resto de Europa.

Durante toda a fin de semana, 94 equipos e máis de 1.000 deportistas benxamíns e alevíns competiron nun torneo que contou con entidades de referencia como o RC Deportivo, RC Celta, Sporting de Gijón ou Real Oviedo, xunto a conxuntos procedentes de Portugal, Alemaña e Italia. Tras a disputa das fases Prata e Ouro, a competición alcanzou este domingo o seu punto álxido coas fases eliminatorias de cuartos, semifinais e finais.

Os resultados finais da fase Ouro nas distintas categorías foron os seguintes:

  • Categoría Benxamín:
    1. FSV Mainz 05 (Asemblea de Alemaña)
    2. RC Deportivo da Coruña
    3. Real Oviedo
    4. SD Compostela
  • Categoría Alevín:
    1. RC Deportivo da Coruña
    2. RC Celta de Vigo
    3. Cultural y Deportiva Leonesa
    4. Sporting de Gijón

Na entrega de trofeos tamén se concedieron as distincións individuais ao mellor xogador e ao mellor porteiro de cada unha das categorías.

Respaldo institucional e recordo emotivo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participaron no acto de clausura e entrega de premios. A institución provincial incorporouse este ano como principal patrocinadora do evento cunha achega de 90.000 euros (o 80% do orzamento total) para reforzar a súa proxección.

Formoso destacou o éxito dunha edición que volveu demostrar “a enorme capacidade da Sociedade Deportiva e Cultural O Freixo de Narón para reunir durante unha fin de semana a algúns dos mellores equipos de fútbol base”. O presidente provincial salientou especialmente “o ambiente de convivencia, compañeirismo e deportividade vivido entre máis de mil rapaces e rapazas”, felicitando á organización pola consolidación do torneo.

Durante a xornada viviuse tamén un emotivo momento de recordo para Juan Manuel Rey Guerra, presidente do club organizador recentemente falecido.

Impacto económico e deportivo na comarca

O torneo desenvolveuse en catro campos de fútbol 8 (dous de herba natural e dous de herba artificial) e mobilizou a máis de 5.000 persoas entre deportistas, técnicos e familiares. Esta afluencia supuxo un fito deportivo e un importante impulso para os sectores da hostalaría, a restauración e o comercio de Narón e do conxunto de Ferrolterra.

Comparte éste artículo
No hay comentarios