Carme Adán e ACADAR gañan o X Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero

Na modalidade Traxectoria persoal, o xurado valorou a contribución de Adán ao pensamento feminista galego e á creación cultural, e o seu decisivo labor intelectual, docente e institucional en favor da igualdade e da coeducación.

A ensaísta e doutora en filosofía Carme Adán, na modalidade Traxectoria persoal, e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), na categoría Traxectoria de entidades, son as dúas propostas gañadoras do X Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, convocado pola Deputación da Coruña.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, presidiu o xurado, no que foron vogais Eva Ovenza, xefa de sección daadministración provincial; Cristina López Villar, investigadora e docente universitaria, e Teresa Moure, escritora lingüista, ensaísta e profesora. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa da Área de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís.

De Carme Adán, o comité avaliador valorou “á súa contribución excepcional ao pensamento feminista galego, á creación cultural e á defensa dos dereitos das mulleres”. Para o xurado, a traxectoria de Adán, desenvolvida ao longo de máis de tres décadas, destaca “pola profundidade da perspectiva feminista, pola relevancia e continuidade do seu labor intelectual, docente e institucional, e polo impacto transformador das súas achegas no ámbito da igualdade, da coeducación e da cultura galega”. O xurado salienta tamén “a capacidade de Adán para introducir e consolidar a epistemoloxía feminista en Galicia, así coma o seu papel decisivo na creación de redes, espazos de reflexión e proxectos culturais de alto valor social”.

O recoñecemento chégalle a ACADAR pola súa contribución á igualdade de xénero desde a cultura, a sensibilización social e a intervención comunitaria. “A entidade destaca”, segundo o xurado, “pola coherencia e profundidade da súa perspectiva feminista, polo impacto social medible das súas accións —que abranguen miles de mulleres, estudantes e profesionais— e pola creación de amplas redes feministas, institucionais e comunitarias. O xurado puxo en valor tamén os proxectos culturais e educativos desenvolvidos pola asociación, o mesmo que «a súa capacidade para transformar narrativas, darlle visibilidade ás desigualdades e fortalecer a participación social das mulleres con discapacidade en Galicia”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios