O deputado do BNG defende que os espazos sexan destinados a usos sociais, culturais e para o beneficio da veciñanza.
O BNG reclama ao Goberno do Estado desbloquear e axilizar a reversión aos concellos galegos dos terreos portuarios que xa non son necesarios para o desenvolvemento da actividade marítima. O deputado nacionalista, Néstor Rego, denuncia que numerosos concellos levan anos reclamando poder recuperar estes espazos para destinalos a usos sociais, culturais, deportivos ou doutro tipo que redunden no ben común, mentres as administracións competentes –Goberno e Xunta- continúan a trasladarse mutuamente a responsabilidade.
Combarro, A Guarda, A Pobra, Bueu, Cambados, Cangas, Vilanova, Moaña, Mugardos, O Grove, Poio, Rianxo, Vilagarcía, Pontecesures ou Ribeira son algúns dos municipios que reclaman a reversión de terreos portuarios sen uso para a actividade marítima.
Rego critica que esta reivindicación histórica siga bloqueada por unha situación de “confusión e intercambio de responsabilidades” entre o Goberno do Estado e a Xunta da Galiza. Segundo explica, mentres o executivo galego asegura ter solicitado ao Estado a reversión dos terreos portuarios en desuso de 17 municipios e defende que a decisión corresponde á Administración estatal, o Goberno do Estado remite a responsabilidade a Portos da Galiza.
“Non pode ser que o Goberno do Estado e a Xunta leven anos pasándose a pelota mentres os concellos e a veciñanza agardan por unha solución” denuncia Rego. O deputado do BNG reclama, ante esta situación, clarificar definitivamente o reparto competencial e o procedemento que debe seguirse para materializar a desafectación e posterior reversión destes espazos.
O deputado do BNG lembra que Portos da Galiza xa sinalou que, a solicitude dos concellos, realizou xestións o 7 de abril e o 15 de setembro de 2025 para impulsar a desafectación dun primeiro grupo de terreos correspondentes a 17 municipios. Estes espazos foron identificados como innecesarios para a actividade marítima e susceptíbeis de seren destinados a outros usos de interese público.
“Se os terreos xa non son necesarios para a actividade portuaria, non ten sentido mantelos bloqueados nin prolongar indefinidamente unha disputa competencial. O que cómpre é que as administracións colaboren e permitan que estes espazos estean ao servizo da cidadanía” sinala Rego.
Neste sentido, o BNG exixe ao Goberno do Estado concretar a súa posición sobre o procedemento para a reversión solicitada e que explique en que fundamento xurídico sustenta a súa afirmación de que a competencia corresponde á Administración galega. Para Rego, é necesario “deixar atrás as escusas e estabelecer unha canle de diálogo e coordinación efectiva coa Xunta e cos concellos afectados”.
O deputado do BNG reclama tamén adoptar todas as medidas necesarias para axilizar os trámites e facer efectiva canto antes a reversión dos terreos portuarios que carecen de uso marítimo, de maneira que poidan ser destinados a equipamentos, espazos públicos, actividades culturais, sociais ou outros proxectos que respondan ás necesidades dos municipios e da súa veciñanza.
“A prioridade debe ser o interese público e non o conflito entre Administracións. Estes terreos están nos nosos concellos, forman parte do seu espazo urbano e deben poder ser utilizados para mellorar a vida da veciñanza” conclúe Rego.