A Deputación da Coruña publica “Quen conduce o Estado”, un ensaio sobre a vangarda gráfica e a transcendencia política do Estatuto de Galicia de 1936

“A obra demostra que quen impulsou o Estatuto entendeu algo que continúa sendo absolutamente actual: que para construír un país non chega con ter ideas, hai que saber explicalas, compartilas, facelas recoñecibles e conseguir que a xente as sinta tamén como propias”, salientou a deputada de Cultura, Natividade González, hoxe na presentación da obra.

A área de Cultura da Deputación da Coruña deu a coñecer esta mañá unha das súas últimas publicacións, “Quen conduce o Estado: Arte, ideas, artistas e movementos que deron forma á vitoria do Estatuto de Galicia de 1936″, da historiadora da arte, investigadora e escritora Iria-Friné Rivera Vázquez. Trátase dun ensaio sobre a arquitectura da campaña do plebiscito do Estatuto, os precedentes históricos, estéticas contemporáneas e a as figuras que transmitiron a súa relevancia a tempos recentes. Presentou a obra a titular de Cultura, Natividade González, a quen acompañou a autora.

O primeiro Estatuto galego é, para a deputada, “un dos grandes fitos políticos da historia contemporánea de Galiza”. “Falamos”, destacou, “dun pobo que expresou democraticamente a súa vontade de avanzar no autogoberno e de decidir sobre o seu propio futuro”.

Segundo González, a campaña do referendo “demostra que quen impulsou o Estatuto entendeu algo que continúa sendo absolutamente actual: que para construír un país non chega con ter ideas, hai que saber explicalas, compartilas, facelas recoñecibles e conseguir que a xente as sinta tamén como propias”.

A obra de Rivera Vázquez recolle gran parte do material gráfico que se empregou na campaña. “Os carteis, a ilustración, a tipografía, os símbolos e as palabras chegaron ás rúas e ás prazas”, lembrou, a deputada, “e puxeron a creatividade e o talento artístico ao servizo dun proxecto colectivo”. “E fixérono, ademais, cunha modernidade que aínda hoxe sorprende, pois cando observamos aquelas pezas descubrimos unha Galiza conectada coas correntes artísticas e gráficas do seu tempo, que miraba cara a Europa e cara á modernidade, pero que o facía desde unha identidade propia”.

“Desde a Área de Cultura da Deputación da Coruña entendemos que apoiar traballos coma este forma parte tamén da nosa responsabilidade”, subliñou González. “Porque”, abundou, “conservar o noso patrimonio cultural non significa unicamente gardar aquilo que recibimos; significa investigalo, coñecelo, interpretalo, difundilo e poñelo novamente en circulación para que dialogue co presente”. “E significa tamén”, rematou, “apoiar as persoas que investigan, crean e traballan para recuperar partes da nosa historia que nos axudan a comprender quen somos; e iso é precisamente o que consegue Iria-Friné con este traballo”.

“Servir a Galicia e a súa sociedade”

O obxectivo de “Quen conduce o Estado” é, segundo a autora, “servir a Galicia e a sua sociedade”. “Contribuír”, engadiu, “á relevancia de aquilo que a constitúe: a cultura, arte, economía, historia, tradición política e de xestión, industria, agro e imaxe pública”.

“No libro expoñemos a enorme transcendencia de todo o proceso do Estatuto de 1936: dende os seus antecedentes históricos ata o plebiscito, conectándoo coas grandes cadeas de pensamento europeo e americano, o sufraxio feminino, a comunicación de masas, a educación e o contexto social e económico dos anos 30”, explicou Rivera Vázquez.

A autora salientou tamén “a análise da campaña e a potente creatividade visual deseñada para os espazos públicos, que contou coa tecnoloxía máis avanzada da época e co talento de creadores da talla de Camilo Díaz Valiño, Isaac Díaz Pardo, Castelao, Carlos Maside, Luís Seoane, Bernardino Vidarte ou López Bouza”.

“A aprobación do Estatuto foi froito do traballo colectivo e transversal de todas as clases sociais”, afirmou a investigadora. “Agradecemos á área de Cultura da Deputación da Coruña a súa visión e criterio ao apoiar este libro sobre un feito histórico crucial para a nosa democracia”.

Memoria do Estatuto

A publicación de “Quen conduce o Estado” enmárcase na campaña da área de Cultura da Deputación paraconmemorar o 90º aniversario do Estatuto de Galicia de 1936, iniciativa que comezou coa realización e divulgación de vídeos sobre a memoria da Carta.

A serie, que pode verse nas redes sociais e na conta de YouTube do departamento provincial de Cultura, reúne as voces de Iria-Friné Rivera Vázquez, Encarna Otero, Francisco Rodríguez, Eliseo Fernández, Conchi López Sánchez e Pilar García Negro, que achegan diferentes perspectivas arredor do proceso de elaboración e aprobación do Estatuto, do contexto histórico no que se desenvolveu e da súa importancia para a construción da identidade política e cultural galega.

Comparte éste artículo
No hay comentarios