Alternativa Enxebre: «Carlos Calvelo traizoa ao Portiño de Suevos con 13 anos de enganos e postureo»

Alternativa Enxebre denunciou hoxe a traizón continuada do alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo e do PP de Arteixo cos veciños e veciñas do Portiño de Suevos. Despois de máis de 13 anos de anuncios baleiros, o núcleo residencial segue atrapado nun «limbo urbanístico» sen que o Goberno local teña intención real de darlle carpetazo á súa regularización.

A concelleira Noelia Martínez Canosa foi extremadamente dura contra o rexedor popular: «Estamos a falar dun proceso que o propio Concello consideraba factible xa en 2018 e para o que prometera un ano de tramitación. Estamos en setembro de 2026 e Calvelo segue a rirse da veciñanza. Despois de catro maiorías absolutas consecutivas e 15 anos de goberno, Arteixo continua sen Plan Xeral e O Portiño sen regularizar».

Un bloqueo «sospeitoso» xunto a Punta Langosteira

Desde a formación veciñal subliñan a falta de transparencia do Executivo local e preguntan abertamente se esta inacción ten que ver coa proximidade do Porto Exterior de Punta Langosteira:

  • Inacción premeditada: Os proxectos e macroinfraestruturas enerxéticas e industriais de Langosteira avanzan a ritmo vertixinoso mentres a regularización das vivendas do Portiño segue paralizada.
  • Falta de protección: Sen o recoñecemento urbanístico pleno, o núcleo residencial ten moitas máis dificultades para protexerse ante o impacto das novas industrias que se instalan ao seu carón.
  • Escusas absurdas: Calvelo xustificou o parón nun informe pendiente de Naturgy, pero Alternativa Enxebre tivo que esixirlle no Pleno que demostre si o Concello iniciou sequera os trámites requeridos para solicitar dito documento.

«A quen beneficia que O Portiño continúe desprotexido? Aos veciños desde logo que non. Resulta lexítimo preguntar por que as industrias avanzan e os dereitos da veciñanza do Portiño fican paralizados», cuestiona Martínez Canosa.

«13 anos de escusas son suficientes»

Alternativa Enxebre exíxelle ao Goberno de Calvelo que se deixe de montaxes publicitariais e faga públicos os informes e trámites que quedan pendentes, así como os prazos reais de solución.

«O Portiño non pode ser a moeda de cambio do Porto Exterior. Calvelo traizoou a confianza da xente que creu nas súas palabras. Non máis promesas, nin máis escusas: esiximos a regularización xa», conclúe Noelia Martínez.

Comparte éste artículo
No hay comentarios