Oscar Insua manifesta que «a reivindicación deste colectivo é un síntoma máis de que o transporte público da comarca é insuficiente e non se adapta á demanda real da veciñanza. Imos seguir traballando para mellorar o servizo de transporte público e as conexións da comarca coas cidades”.
O BNG vén de anunciar que vai a impulsar no Parlamento galego a demanda da liña de autobús entre Carballo e os centros hospitalarios da Coruña adaptada ás tres quendas de traballo. Os deputados nacionalistas Oscar Insua e Paulo Ríos recibiron este martes 8 de setembro no Hórreo a Ángela Facal e Paula Seoane, promotoras da iniciativa para crear dita liña de transporte comarcal e interurbana.
A formación nacionalista indicou que son máis de 300 os empregados públicos que traballan neses centros e que manifestan o interese en utilizar o autobús no caso de crear a ruta. Na xuntanza, Facal e Seoane explicaron polo miúdo as razóns e os fundamentos desta iniciativa, que non é nova, pois xa no ano 2023 solicitaran á Xunta de Galiza unha solución, pero recibiran unha resposta negativa, considerando que os servizos existentes eran adecuados e suficientes.
O deputado do BNG por Bergantiños a Costa da Morte, Oscar Insua, considera que «é unha demanda xusta, razoable e viable, e xa debera estar contemplada nun plan, pois a lei 9/2025 de mobilidade sostible, aprobada o ano pasado polo propio PP, establece que os centros de traballo con máis de 200 persoas, ou 100 por quenda, cuxa actividade laboral habitual sexa en ditos centros, deben dispoñer de plans de mobilidade, e parece que a Xunta non fixo os seus propios deberes”.
Insua engadiu que “hai moito tempo que vimos denunciando os problemas existentes no transporte público nas dúas comarcas, que nin se adapta aos horarios laborais dos que traballan nas cidades, nin se adapta aos usuarios e doentes que teñen que acudir diariamente aos centros sanitarios á Coruña, polo que a maioría da veciñanza teñen que acudir no seu vehículo particular, pagando as peaxes da autovía, e cada día con menos aparcamentos na cidade. É lamentable”.