O Grupo Municipal Socialista de Arteixo reclamou ao alcalde, Carlos Calvelo, que cumpra coa palabra dada hai unha década e execute de xeito inmediato a construción do novo campo de chave na parroquia de Pastoriza. A formación denuncia o «abandono absoluto» que padece este deporte tradicional na zona, onde os xogadores se ven obrigados a manter a súa actividade en instalacións degradadas e sen os mínimos de seguridade.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembrou que os problemas do recinto arrástranse desde o ano 2016, cando un incendio forestal calcinou as vellas instalacións. Naquel momento, e tras as esixencias da oposición e da veciñanza, Calvelo comprometeuse publicamente a construír unha nova pista integrada nas obras do campo de fútbol de Pastoriza, derribando a antiga para ampliar a rúa.





«Unha década de promesas e agravio comparativo»
Transcorrido un decenio daquel anuncio, o compromiso do Goberno do Partido Popular segue paralizado. Desde o PSdeG critican a «dobre vara de medir» de Calvelo coas diferentes parroquias do municipio, o que xerou un evidente agravio comparativo cos deportistas de Pastoriza.
«O Concello actuou, arranxou e construíu novos campos de chave noutras zonas do municipio como Suevos, Rañobre, Meicende, A Borroa e no propio núcleo urbano de Arteixo. Pero o PP deixou fóra e esquecida a Pastoriza», denunciou Martín Seco, quen puxo en valor o enorme esforzo do club local por manter viva esta disciplina a pesar do mal estado do firme e do contorno.
O compromiso incumprido de Calvelo en cifras
- 2016: Un incendio calcina o vello campo de chave. Calvelo promete publicamente unha nova pista coas obras do campo de fútbol.
- 10 anos de espera: O compromiso do PP segue sen executarse mentres se renovaron as pistas noutras 5 parroquias de Arteixo.
- Reivindicación socialista: Execución inmediata da obra e fin ao marxinamento dos deportes tradicionais en Pastoriza.




«Calvelo ten que deixar de dar escusas»
Martín Seco foi contundente á hora de esixir responsabilidades ao rexedor popular diante do pasotismo municipal: «Carlos Calvelo prometeu en 2016 que Pastoriza tería unha pista de chave nova e digna. Pasou unha década, o campo segue en pésimas condicións e a palabra do alcalde quedou en papel mollado. Non se pode marxinar aos veciños de Pastoriza nin aos nosos deportes tradicionais. Esiximos que o PP deixe de dar escusas e faga hoxe o que prometeu hai dez anos«,