O prazo para participar cun póster virtual permanecerá aberto ata o 21 de setembro, mentres que a inscrición para asistir ao encontro presencialmente poderá realizarse ata o 12 de outubro.
A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A xornada está promovida conxuntamente pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecemento e experiencias entre o profesorado universitario e impulsar a mellora e innovación das prácticas docentes.
O programa combinará relatorios, propostas prácticas e presentacións breves de experiencias desenvolvidas no marco dos grupos de innovación docente das tres universidades.
A apertura correrá a cargo do profesor Antonio Fernández-Coca, da Universitat de les Illes Balears, co relatorio “A mí me pasa lo mismo. De la queja compartida a las decisiones que funcionan en el aula de hoy”, no que abordará como transformar as inquedanzas compartidas polo profesorado en decisións concretas aplicables á práctica docente.
A intelixencia artificial, protagonista das propostas prácticas
A intelixencia artificial terá un papel destacado no bloque “InspirAcción: propostas prácticas para o traballo na aula”, no que se presentarán diferentes aproximacións ao uso desta tecnoloxía no ámbito universitario.
Carlos Escudero, da UDC, abordará a cuestión “E agora que a IA pode facelo, que facemos nós?”, mentres que Javier Martínez, da Universidade de Vigo, presentará a proposta “¿Docencia e IA? Si, pero con sentidiño…”.
Pola súa banda, Mónica Pérez Ríos e o seu equipo da Universidade de Santiago de Compostela compartirán a experiencia “Epidequé: achegando a Epidemioloxía á sociedade e ás aulas”, centrada na divulgación e aproximación desta disciplina ao ámbito educativo e social.
Durante a sesión da tarde celebraranse as pílulas de boas prácticas, un espazo destinado a presentar e poñer en común experiencias de innovación desenvolvidas polos Grupos de Innovación Docente da UDC, USC e UVigo.
A XIGAID contará tamén cunha modalidade de póster virtual, que permitirá ao persoal docente e investigador presentar e debater as súas experiencias de innovación a través da plataforma UDCAberta.
O prazo para participar nesta modalidade permanecerá aberto ata o 21 de setembro, mentres que a inscrición para asistir presencialmente poderá realizarse ata o 12 de outubro. O programa completo da xornada e a información sobre as distintas modalidades de inscrición poden consultarse na páxina web da XIGAID.
Con esta cuarta edición, a Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente consolida un espazo común para o profesorado das tres universidades públicas galegas, favorecendo a difusión de experiencias innovadoras, o intercambio de boas prácticas e a reflexión conxunta sobre os retos actuais da docencia universitaria.