A Marosa pecha o Iberdrola Surfing Day 2026 e consolida A Mariña como destino de surf

A praia da Marosa, en Burela, acolleu a proba da Liga Nacional FESurfing de Longboard con vitorias para Alessandro Demartini, Mia Ramakers, Ramón Pérez e Martín García.

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, e a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participaron este domingo na entrega de premios da terceira proba da Liga Nacional FESurfing de Longboard 2026. O evento reuniu a case 50 deportistas de todo o mapa e puxo o peche a unha fin de semana onde o deporte compartiu espazo con obradoiros medioambientais, charlas de liderado feminino e actuacións musicais.

Carmela López felicitou aos participantes e definiu o Iberdrola Surfing Day como unha oportunidade «única para A Mariña, para Burela e para todo o conxunto da provincia», destacando o compromiso institucional con iniciativas que combinan deporte e promoción do territorio.

Homenaxe ás orixes do surf na praia da Marosa

A xornada reservou un momento especial para a historia do surf local. Francisco Javier Caloca, vencedor dos trials organizados polo Burela Surf Club, recibiu unha mención especial.

O club recoñeceu a traxectoria do propio Fran e de Miguelón, pioneiros do surf na zona. Iván Penelo Dourado, presidente do Burela Surf Club, dedicoulles unhas palabras de agradecemento: «Grazas por ensinarnos o que era o surf, por metervos na auga cando practicamente ninguén o facía e por demostrar que na Marosa tamén había ondas e unha forma diferente de vivir o mar«.

Resultados e clasificacións do Iberdrola Surfing Day Burela 2026

Longboard Open Feminino

A canaria Mia Ramakers impúxose na final feminina cunha puntuación de 7,33.

  1. Mia Ramakers (Canarias) — 7,33 pts
  2. Daniela Sevillano (Asturias) — 5,80 pts
  3. Quenia López (Asturias) — 5,50 pts
  4. Melisa Somsaen (Galicia) — 3,06 pts

Longboard Open Masculino

O cántabro Alessandro Demartini levou a vitoria masculina tras sumar 14,33 puntos na final.

  1. Alessandro Demartini (Cantabria) — 14,33 pts
  2. Martín García (Asturias) — 13,90 pts
  3. Nicolás García (Asturias) — 12,03 pts
  4. Iker Arun Canton (Cantabria) — 3,97 pts

Doblete de Ramón Pérez en Master e Grand Master

O galego Ramón Pérez dominou as categorías de veteranos asinando o triunfo en Master (10,36 pts) e Grand Master (10,83 pts).

Clasificación Master Masculino:

  1. Ramón Pérez (Galicia) — 10,36 pts
  2. Fernando Pérez (Asturias) — 9,54 pts
  3. Tony Araya García (Cataluña) — 5,30 pts
  4. Daniel García Marcos (Asturias) — 3,77 pts

Clasificación Grand Master Masculino:

  1. Ramón Pérez (Galicia) — 10,83 pts
  2. Tony Araya (Cataluña) — 6,16 pts
  3. Daniel García Marcos (Asturias) — 2,67 pts
  4. Esteban Canton (Cantabria) — DNS

Longboard Sub18 Masculino

O asturiano Martín García acadou o primeiro posto na categoría xuvenil con 8,17 puntos.

  1. Martín García (Asturias) — 8,17 pts
  2. Mia Ramakers (Canarias) — 4,70 pts
  3. Guillermo Sánchez (Andalucía) — DNS

Impulso ao deporte e ao turismo na Mariña Lucense

Na entrega de trofeos tamén estiveron presentes Carlos Méndez (concelleiro de Deportes de Burela), Román Díez (presidente da FESurfing) e María de los Ángeles Alonso Blanco (coordinadora de Igualdade e Deporte da FESurfing).

O evento contou co patrocinio de Iberdrola, Deputación de Lugo, Concello de Burela e Loterías y Apuestas del Estado, coa organización do Burela Surf Club e a colaboración de EQ Love e Ocean & Earth.

Comparte éste artículo
No hay comentarios