A asociación Mulleres Salgadas lembra que o marisqueo cotiza na Seguridade Social a través do Instituto Social da Mariña e denuncia os graves atrasos sufridos no cobro dos ingresos desde o mes de febreiro.
Ante os numerosos comentarios que circulan nas redes sociais sobre o cobro de prestacións por parte de mariscadoras e mariscadores, a asociación Mulleres Salgadas quixo aclarar unha cuestión fundamental: non se trata de axudas nin de «paguitas», senón de ingresos contributivos.
Trátase de prestacións derivadas directamente das cotizaciones que estes profesionais realizan á Seguridade Social a través do Instituto Social da Mariña (ISM). Mariscadoras e mariscadores traballan, cotizan e xeran dereitos exactamente igual que calquera outra persoa traballadora que cotiza para unha baixa médica, unha xubilación ou unha prestación por desemprego.
Un dereito contributivo, non unha concesión
Dende a organización insístese na importancia de chamar ás cousas polo seu nome: o que percibe o sector non é unha concesión discrecional de ningunha administración, senón unha prestación contributiva financiada previamente con anos de traballo e esforzo.
O verdadeiro problema da situación actual radica na tardanza administrativa para efectuar os pagos. Moitas das persoas afectadas viron interrompida a súa actividade no mes de febreiro e non comezaron a cobrar estas prestacións ata meses despois. Esta demora xerou unha grave incerteza económica e dificultades reais para sostener os seus fogares.
O debate real: exixir pagos en prazo e sen demoras
Mulleres Salgadas salienta que unha protección social deseñada para amparar ao traballador en momentos de dificultade só cumpre a súa función se chega a tempo: «O debate non debería centrarse en cuestionar unha prestación que nace das cotizacións de mariscadoras e mariscadores. Ese dereito existe e está recoñecido. A cuestión é como evitar que volvan producirse retrasos de meses no acceso á protección social«.
O colectivo conclúe lembrando que os mariscadores non piden privilexios, senón cobrar en prazo o que xeraron co seu propio traballo, reafirmando que os dereitos sociais non son agasallos.
Fotografía: Paco Luna