O BNG de Lugo reclama a reparación da pista entre Cuíña e Piúgos, deteriorada por unha tala de árbores

O Grupo Municipal do BNG solicitará ao Goberno municipal que realice no menor tempo posible os traballos necesarios para reparar a pista que une as parroquias de Cuíña e Piúgos, gravemente deteriorada como consecuencia dunha tala de árbores realizada na contorna.

Segundo explica o edil do BNG, Alexandre Penas, o paso da maquinaria empregada nestes traballos provocou un intenso desgaste do firme, con danos visibles que dificultan a circulación e afectan directamente ás persoas usuarias habituais deste vial. A situación resulta especialmente preocupante para o veciñanza das dúas parroquias, que utiliza esta vía para os desprazamentos cotiáns e para acceder ás súas vivendas.

O deterioro da pista incrementa o risco para a seguridade viaria, especialmente en días de choiva, e pode provocar novos danos nos vehículos. Ademais, a falta dunha actuación rápida podería agravar o estado actual do firme e encarecer posteriormente as obras de reparación.

Por este motivo, o Grupo Municipal do BNG vén de presentar un rogo para instar o Goberno municipal a traballar no acondicionamento necesario para esta vía, garantindo a boa comunicación entre dous núcleos de poboación moi próximos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios