Nicole Grueira: “É preciso un cambio inmediato de rumbo para evitar que a actual situación financeira termine levando á bancarrota ás arcas municipais, o que hipotecará o futuro do municipio e das vindeiras xeracións”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol amosan a súa fonda preocupación pola situación económica do Concello, a tenor dos datos que figuran na Conta Xeral correspondente ao ano 2025.
A voceira popular, Nicole Grueira, reclama ao alcalde “un cambio inmediato de rumbo” para evitar que a actual situación financeira termine “levando á bancarrota ás arcas municipais, o que hipotecará o futuro do municipio e das vindeiras xeracións”.
Nicole Grueira explica que, segundo os datos que nos facilitaron, a débeda municipal supera xa os 5M€, o que supón que, “en termos de débeda por habitante, cada un dos aproximadamente 1.550 veciños de Pol soporta unha débeda de 3.275,38€”.
“Ver como o alcalde segue a aumentar a débeda municipal ata chegar aos 3.275,38€ é inexplicable. Falamos dunha cifra que debe facer reflexionar a Lino Rodríguez porque cada día é máis evidente que non pode seguir nin un día máis á fronte do Concello porque o vai levar á ruína, senón é que o Concello xa está na ruína”, lamentou.
Os datos da Conta Xeral tamén amosan outros indicadores moi preocupantes, como unha capacidade de liquidez inmediata moi limitada, xa que o Concello dispón de apenas 5 céntimos por cada euro. “Este indicador resulta especialmente preocupante porque evidencia as dificultades existentes para afrontar con solvencia as necesidades económicas do día a día, é dicir, os gastos correntes que son os que hai fixos todos os meses, como a luz, a auga ou o teléfono, entre outros”, indicou.
Nicole Grueira considera que estes datos “son o punto de inflexión para que nuns meses se produza un cambio no Concello, cun novo rumbo e cun novo equipo á fronte do mesmo”. “Nós nin podemos nin queremos mirar cara outro lado. Estamos falando dunha débeda de máis de 5M€ e dunha situación de liquidez que limita a capacidade do Concello para afrontar con solvencia as súas necesidades básicas. Cómpre unha solución e esa solución unicamente pode chegar da man do Partido Popular, outra opción será máis do mesmo que hai agora”, explicou.
A voceira popular denuncia que Lino Rodríguez está gastando máis do que o Concello pode permitirse, “mentres os veciños seguen padecendo carencias evidentes como pistas en mal estado ou limitacións ao uso da auga mentres o rexedor se permite o luxo de regar sen límites o campo de fútbol”.
Neste sentido, Nicole Grueira pon como exemplo o estado das pistas municipais, a situación do colexio ou a falta de oportunidades para os veciños.
Ante esta situación, Nicole Grueira esixe a Lino Rodríguez “explicacións públicas de como se chegou a este punto, de como non lle importaron nunca as necesidades dos veciños e unicamente se preocupou por el mesmo e pola súa obsesión, o fútbol”.
“Os veciños non poden entender que o Concello acumule máis de 5M€ de débeda e, ao mesmo tempo, teñamos pistas en malas condicións, un colexio abandonado e falta de oportunidades”, criticou.
A voceira popular reclama “o inicio dun plan de axuste económico para frear a deriva das contas e evitar que a situación condicione o futuro do Concello”, un plan que racionalice o gasto, estableza prioridades, garanta a sustentabilidade económica do Concello e asegure que os recursos públicos se destinan fundamentalmente a mellorar os servizos e atender as necesidades dos veciños.
“Non queremos que dentro duns anos os veciños teñan que pagar as consecuencias das decisións que se están tomando hoxe. A situación económica do Concello non pode converterse nunha carga para as próximas xeracións”, sentenciou.