A seguridade é unha das prioridades que se marcou o Goberno de Elena Candia desde a súa chegada á Alcaldía. Por este motivo, o Concello está a reforzar a Policía Local tanto con medios humanos como con novos medios materiais, co obxectivo de facilitar o traballo dos axentes e mellorar as prestacións que reciben os cidadáns.
Neste marco sitúase a incorporación dun novo dinamómetro, que xa se atopa en período de proba e que permitirá á Policía Local realizar controis selectivos dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), comprobando as súas características e, especialmente, a velocidade máxima e a potencia.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha nova reunión da Mesa de Seguridade Permanente co xefe da Policía Local, na que se abordaron diferentes cuestións relacionadas coa seguridade viaria e se lle explicou o funcionamento deste novo equipamento. Durante a reunión, a rexedora puido comprobar de primeira man como se realizan as medicións.
Unha ferramenta para comprobar que vehículos son realmente VMP
O dinamómetro permitirá aos axentes coñecer as características reais dos vehículos sometidos a control. A partir dos datos obtidos e atendendo á clasificación establecida polo Regulamento (UE) 168/2013, poderase determinar se o vehículo reúne as condicións para ser considerado un vehículo de mobilidade persoal ou se, polas súas características, debe ser clasificado como ciclomotor ou motocicleta.
Esta comprobación é especialmente relevante no caso daqueles vehículos que, aínda que se utilizan como patinetes, poden superar os límites establecidos para os VMP en canto á súa velocidade ou potencia.
Cando un vehículo non pode ser considerado VMP e debe encaixar nalgunha das categorías de ciclomotor ou motocicleta, está sometido ás obrigas legais correspondentes, entre elas as relativas ao permiso de condución, seguro e matrícula, segundo corresponda.
Deste xeito, o novo equipamento permitirá á Policía Local realizar controis máis selectivos e comprobar as características dos vehículos, evitando que vehículos que polas súas prestacións non teñen a consideración de VMP circulen pola cidade como se o fosen.
Resposta ás queixas dos veciños
A incorporación do dinamómetro responde tamén á preocupación trasladada polos propios cidadáns ao Concello ante determinadas condutas relacionadas co uso dos patinetes, especialmente pola circulación a velocidades elevadas e de maneira imprudente.
Neste sentido, a nova ferramenta terá tamén un importante efecto disuasorio, ao facilitar que a Policía Local poida comprobar as características dos vehículos e actuar cando non cumpran as condicións ou obrigas que lles corresponden.
A alcaldesa explicou que “os cidadáns trasladáronnos a súa preocupación por este tema e, xunto coa Policía Local, buscamos solucións para protexer a seguridade viaria e a integridade dos peóns”.
Neste sentido, a rexedora incidiu en que a incorporación deste equipamento forma parte do compromiso do Goberno municipal de dar resposta ás cuestións que preocupan á cidadanía e mellorar a seguridade nas rúas de Lugo, combinando a prevención, o control e a dotación de medios á Policía Local.