Os populares denuncian que o goberno local non fixo nada por atopar unha solución a este problema, a pesar de que se comprometeron hai case tres meses no pleno a persoarse no lugar para atopar unha solución, e aos numerosos escritos presentados polos afectados.
Os concelleiros do PP de Cervantes denuncian a falta absoluta de resposta do goberno local ante a situación que padecen dúas vivendas na aldea de Castelo de Cais, cuxos propietarios levan anos reclamando o arranxo e ensanche do camiño de acceso.
Nun dos casos, os propietarios levan máis de seis anos reclamando unha solución ao Concello, chegando incluso a presentar escritos formalmente para solicitar esta actuación. Actualmente están xubilados e pretenden establecer alí a súa residencia, pero atópanse cun acceso tan estreito que, nalgún punto, apenas permite o paso dun turismo.
Esta situación dificulta gravemente, e podería chegar a impedir, o paso dunha ambulancia, vehículos de servizos básicos, vendedores ambulantes, como o pescadeiro, ou mesmo camións e maquinaria necesarios para realizar obras de acondicionamento da propia vivenda.
Desde o PP de Cervantes lembran que esta problemática xa foi levada a unha sesión plenaria polo Grupo Popular hai case tres meses, precisamente para reclamar unha solución. Naquel momento, o goberno local comprometeuse a visitar o lugar, comprobar persoalmente a situación e buscar unha solución para estes veciños.
Case tres meses despois, non só non hai solución, senón que o goberno local nin sequera se dignou a achegarse a Castelo de Cais para ver o acceso e falar cos afectados.
“Comprometerse nun pleno diante de toda a Corporación a visitar o lugar e, case tres meses despois, non ser capaces nin de achegarse a falar cos veciños demostra o pouco que vale a palabra deste goberno cando se trata de atender os problemas reais das nosas aldeas”, denuncian.
Desde o PP consideran aínda máis incomprensible esta falta de actuación porque a parcela lindeira coa zona na que sería necesario ensanchar o camiño pertence aos propietarios que reclaman a mellora, existindo vontade por parte dos afectados para facilitar a actuación.
“A realidade é que todo apunta a que atopar unha solución é moi sinxela. Se as persoas que reclaman facer máis ancho o camiño son os mesmos propietarios da parcela que o estreita, todo apunta a que non sería difícil chegar a un punto de acordo”, explican, ao que engaden que “o problema é que hai unha falta de vontade política por parte do goberno local de dar unha solución porque nin sequera foron capaces de visitar a zona para falar cos afectados, unha visita coa que seguramente se resolvería o problema”.
Os populares consideran especialmente grave que se fale continuamente de loita contra o despoboamento e de fixar poboación no rural mentres dúas persoas xubiladas que queren residir nunha aldea de Cervantes non dispoñen nin dun acceso digno á súa vivenda.
“O despoboamento non se combate con discursos nin promesas. Combátese facilitando que quen quere vivir nas nosas aldeas poida facelo. Aquí temos veciños que queren quedar en Castelo de Cais e un Concello que, despois de máis de seis anos de reclamacións, escritos e incluso un compromiso adquirido en pleno, segue sen mover un dedo”, conclúen.