A entidade empresarial reclama ao Concello de Cambre melloras no mantemento, a reparación da rúa Isaac Peral, principal vía de acceso, e unha maior atención municipal ás necesidades das empresas instaladas no parque.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o polígono empresarial do Espírito Santo, en Cambre, onde mantivo unha reunión co presidente da Asociación de Empresarios do Espíritu Santo, Baudilio Brantuas; coa xerente da entidade, Nuria Asenjo, e con membros da súa directiva para coñecer de primeira man as principais necesidades e demandas das empresas instaladas no parque.
Formoso destacou a importancia de manter un contacto directo co tecido empresarial da provincia e coñecer tamén o estado das infraestruturas que lle dan soporte. “Reunímonos coas entidade empresariais da provincia con frecuencia porque para nós é importante coñecer a situación das empresas e escoitar as súas demandas. Moitas das cuestións que nos trasladaron son de competencia municipal, pero hai outras nas que desde a Deputación podemos colaborar”, afirmou.
Entre elas, o presidente provincial referiuse á mellora da estrada perimetral do polígono, a DP 1703, de titularidade da Deputación, na que anunciou a intención de acometer actuacións tanto desde o punto de vista da seguridade viaria como da mellora estética da contorna que demanda a entidade.
Formoso abordou tamén a situación dunha parte do polígono que quedou sen desenvolver polo seu promotor inicial, o Estado. O presidente sinalou a disposición da Deputación para exercer de interlocutora coas administracións implicadas e contribuír a desbloquear este ámbito.
“Falamos de miles de metros cadrados de solo industrial que poderían poñerse a disposición das empresas nun momento no que existe demanda para instalarse no Espíritu Santo, precisamente pola súa boa localización e conexións. Se conseguimos que a nosa interlocución axude a desbloquear esta parte do polígono, a visita terá pagado a pena”, afirmou.
“Un polígono moi abandonado”
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios do Espíritu Santo, Baudilio Brantuas, explicou que a entidade trasladou ao presidente da Deputación a preocupación polo estado dun polígono que considera “moi abandonado”, con problemas de mantemento nas rúas e beirarrúas que, segundo indicou, se veñen acumulando durante os últimos anos.
Entre as principais preocupacións mencionou a situación da rúa Isaac Peral, unha das principais vías do polígono, actualmente cortada. “Pensamos que se pode reparar, pero fálannos dun prazo que chega ata 2027”, explicou Brantuas, que advertiu das dificultades de mobilidade e dos atascos que esta situación está a provocar nos accesos.
A xerente da asociación, Nuria Asenjo, lembrou que o Espírito Santo é o único polígono empresarial existente no Concello de Cambre e destacou a relevancia económica das empresas alí instaladas.
Segundo explicou, as empresas do polígono pagan arredor de 600.000 euros anuais en concepto de IBI, mentres que a asociación denuncia a ausencia de investimentos municipais no polígono nos últimos anos.
Asenjo sinalou tamén problemas como o deterioro das rúas e beirarrúas, a presenza de numerosos vehículos abandonados ou os problemas de tráfico derivados do corte da vía principal nun parque empresarial no que están instaladas compañías de gran tamaño, entre elas Amazon.
“Agradecemos a visita do presidente da Deputación e que escoite directamente as nosas demandas. O que pedimos ao Concello é que atenda o mantemento e o día a día do polígono”, afirmou a xerente da entidade, que explicou que a asociación reclama tamén unha bonificación do 40% no IBI ante a falta de investimentos municipais no parque empresarial.
“Estamos frustrados porque levamos tempo trasladando estes problemas e non atopamos solucións”, concluíu.