A Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística renovan o convenio para financiar ‘A Liña do galego’

“O Servizo de Normalización Lingüística da Deputación mantén o seu apoio a todas aquelas iniciativas que, desde a sociedade civil organizada, defenden e promoven o uso do galego en todos os ámbitos”, subliñou a deputada de Lingua, Sol Agra.

A Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística firmaron hoxe o convenio de colaboración polo que a administración provincial subvencionará este ano con 40 000 euros o proxecto ‘A Liña do galego’. O acordo, que se vén renovando de xeito continuado nos últimos anos, asinárono a deputada de Lingua, Sol Agra, e o presidente da Mesa, Marcos Maceiras. A Deputación financiará o 80 por cento do orzamento total, 50 000 euros; o resto do custo asumirao a plataforma independente de promoción do noso idioma.

“Coa sinatura deste convenio”, explicou Agra, “o Servizo de Normalización Lingüística da Deputación mantén o seu apoio a todas aquelas iniciativas que, desde a sociedade civil organizada, defenden e promoven o uso do galego en todos os ámbitos da nosa vida diaria, contribuíndo á súa dinamización e normalización neste contexto histórico de retroceso dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes”.

‘A Liña do galego’ é un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación, que funciona dende 2007 vía teléfono, correo electrónico e aplicacións de móbil dispoñibles para Android e Apple. A través del, e sempre de xeito nomeado e coa garantía de confidencialidade, calquera persoa pode canalizar consultas, denuncias e queixas polas agresións e discriminacións contra a lingua galega; pero atende tamén parabéns relacionados co recoñecemento e o exercicio dos dereitos lingüísticos. A plataforma emprende, ademais, iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios