EU denuncia as desorbitadas axudas públicas recibidas polo Caudal Fest

O Caudal Fest recibe 307.000 € en axudas públicas directas por parte do Concello de Lugo, a Deputación e a Xunta de Galicia baseándose en datos esaxerados e irreais aportados pola propia empresa promotora e unha consultora afín contratada polo Concello. Concretamente, a administración local aporta 227.000 euros, dos cales a Deputación aporta 80.000 € a través dun convenio co Concello, e a Xunta outros 80.000 €.

No caso da Deputación,a xunta de goberno aprobou un incremento do 60 % na cantidade aportada pola institución en edicións anteriores. Ademais de conceder a axuda sen o preceptivo informe de impacto económico, a portavoz socialista Pilar García Porto anunciou que a axuda está baseada nos datos de impacto aportados pola propia empresa promotora do Festival. Bring the Noise estimou que o suposto impacto económico da edición 2025 foi de 15 millóns de euros, ademais de xerar 1.000 postos de traballo directos e 1.000 postos indirectos. Trátase dunhas cifras de ficción, esaxeradas intencionadamente para tentar xustificar unhas axudas públicas desorbitadas.

Pola súa banda, o Concello de Lugo xustifica os 227.000 euros do contrato de patrocinio con Caudal Fest apoiándose nun informe de rendabilidade publicitaria contratado a unha empresa afín á propia promotora do festival. Esquerda Unida accedeu a este informe de «Repercusión y retorno en medios» do Caudal Fest 2025 que, de maneira totalmente artificiosa, sinala que as 265 noticias sobre o festival inseridas en medios dixitais, impresos, radio e TV xeraron un impacto económico de 4.133.795 e unha audiencia de 169.780.643 persoas.

Estas cifras para o Caudal Fest 2025 revelan unha grande desproporción na influencia que se lle outorga a un so medio, MicroSoft Network (msn.com), que non xera retorno directo na cidade. O informe da empresa asigna ao Caudal Fest os centos de millóns de visitantes globais de MSN, aínda que só unha mínima fracción lea realmente a noticia do festival. MSN só conta con 4 noticias das 265 totais (un 1,5%), pero o informe atribúelle 104.213.421 de usuarios únicos, o que representa o 61,3% de toda a audiencia potencial do festival. E mentres que medios como El Progreso (20 noticias) ou La Voz de Galicia (15 noticias dixitais) tiveron unha penetración directa no público obxectivo que asiste ao evento en Lugo, a aparición en MSN é puramente anecdótica a efectos de promoción real.

A maiores de denunciar o uso de datos artificiosos para xustificar as axudas públicas directas ao Caudal Fest, desde EU queremos sinalar que consideramos desorbitada a axuda pública de 307.000 euros concedida a unha empresa privada que obtén grandes beneficios: so polas entradas vendidas ingresa máis de 2 millóns de euros, ademais de contar con múltiples patrocinios privados e vender miles de consumicións nos postos de bebida e comida durante o festival.

Por contra, ademáis de aportar 227.000 €, o Concello cede de balde o espazo público para celebrar o festival (xardín do pazo de Feiras e Congresos); o servizo de limpeza e recollidado lixo; os buses lanzadeira que fan o servizo especial do festival; a regulación do tráfico pola policía local e o servizo e bombeiros. E a maiores, o novo goberno de Elena Candia (PP) cede este ano a Casa consistorial durante dous días para colocar as pulseiras de acceso ao festival.

Comparte éste artículo
No hay comentarios