O Celta caeu en Nicosia contra un equipo inferior que soubo como parapetarse defensivamente e aproveitar as lagoas defensivas do cadro vigués, que tivo en Radu, con tres paradas no primeiro tempo, o seu mellor home malia o gol apañado. O Celta tivo a pelota máis tempo que o rival, pero un se pregunta cal é a intención de tanta posesión para idéntico volume de inoperancia ofensiva. Ao final, desde o triunfo en Xirona na pasada liga, o equipo acumula un terrible balance de cinco vitorias en 23 partidos.
Tres paradas de Radu
O partido comezou con ritmo baixo, cos equipos deixando tocar ao rival. O Omonia fixo traballar a Radu aos oito minutos. Ewandro, logo dunha recuperación na parcela galega, foi driblando a dous xogadores nunha condución curta e colocou unha rosca que sacou o romanés da escuadra.
O Celta reaccionou axiña. Sabía que non podía deixar tomar a iniciativa ao Omonia e impoñer a xerarquía que lle daba o seu papel de favorito malia xogar de visitante. Nunha acción pola dereita, con pase co interior de Núñez para Pablo Durán, o porriñés xutou como lle viña e Fabiano tivo que conceder o primeiro saque de esquina para o Celta cunha estirada salvadora.
Sen que mellorara o ritmo, o Celta volveu a pasar un susto que non pasou a outra categoría máis grave de non ser por Radu, que volveu a sacar a man para desviar un disparo potente de Duverne. O partido movíase en ataque a impulsos e no minuto 32 foi Miguel, desde a frontal, quen apuntou perto da escuadra.
O Celta estaba sendo dominado nas zonas de decisión e tivo que ser Radu quen aparecera novamente para salvar un disparo de Andreou a pase de Diony.
Ao descanso chegouse coa sensación de que Berg gañara a Giráldez no coñecemento da parte do campo no que tiña que decidirse o partido.
Un disparo de Balkovec cuestiona a utilidade do dominio do Celta
O Celta saíu dominando no comezo do segundo tempo, pero como tantas veces no último tempo, deixando dúbidas sobre o valor da posesión alén de ter a pelota por tela. Giráldez quixo darlle outro xeito ao ataque gastando a primeira xanela cunha dupla substitución de homes de vangarda antes da hora de xogo.
O Celta mellorou. No minuto 65, aproveitando que Diony sacou sen control un córner lanzado por Hugo González, Núñez fíxose co coiro perto da media lúa para mandar unha volea que voou a rentes da escuadra da meta de Fabiano.
No minuto 70 foille invalidado un gol a Pablo Durán por un fóra de xogo axustadísmo de Swedberg na súa ruptura de liña por banda esquerda.
No minuto 82, noutro saque de esquina colocado á area por Hugo González, o Celta tivo dúas opcións de disparo, o primeiro de Borja Iglesias, sacado por un defensa, e o segundo, de Javi Rodríguez, que mandou o coiro con moita potencia por riba do traveseiro.
O dominio do Celta era total e Fabiano salvou ao Omonia sacando o brazo para desviar un disparo de Miguel. Logo do córner, Statfelt non chegou ao remate co pé na área pequena e Baljovec, a un paso da liña de gol, impediu que o coiro entrara no marco.
Nun dos escasos ataques chipriotas do segundo tempo Balkovec aventurouse sen ter moita oposición. Desde 25 metros, o esloveno disparou un mísil axustado ao pau que Radu, malia tocar coa man, non puido parar.
O Celta caeu e mantén unha perigosa dinámica que parece non importar demasiado en Vigo. O dato é brutal: Cinco triunfos nos últimos 23 partidos. Giráldez ama a posesión, pero o regulamento do fútbol no premia a quen máis pases dá, se non a quen máis goles mete. O Omonia, cun 44 por cento, marcou un gol, o Celta, cun 56, dez disparos máis e o dobre de ataques que o cadro chipriota, non anotou o primeiro e comeza mal a súa segunda campaña consecutiva na Liga Europa.
Ficha
MÉRCORES 16/09/2026 (19,45 h.l.) Campo: GYMNASTIKOÚ SILLÓGOU PAGKÚPRIA (Nicosia-Chipre) (10.000)
ATH. SIL. OMONIA : 1 – R.C. CELTA : 0 (0-0)
OMO : Fabiano; Duverne, Coulibaly, Šatka, Balkovec; Ewandro (Mayambela 89’), Marić, Tankovic (Brouwers 63’), Andreou, Montnor (Tănase 89’); Diony (Kakoulli 75’). Tre. Henning Berg. (Banco: Kaminski (g); Michail (g); Simič; Négo; Christou; Neophytou; Konstantinidis; Christoforou).
RCC : Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso; Núñez (Borja Iglesias 78’), Miguel, Burcio (Hugo Álvarez 72’), Sergio; Pablo Durán (Febas 72’), Jutglà (Hugo González 56’), Driouech (Swedberg 56’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Bayindir (g); Cáceres; Faye; Yoel; Javi Rueda; Javi Galán; Moriba).
Goles: 1-0 Balkovec 88’.
Árbitro: Berke (Hungría). Auxiliares: Tóth e Sterz. 4º árb.: Csonka.
VAR: Bognár. AVAR: Kulcsár.
Disciplina: CA: Swedberg 68’.