O líder do PSdeG reúne á directiva do Consello da Cultura Galega e exixe explicacións no Parlamento ao conselleiro de Emprego tras o caso da adega familiar.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a «escoitar máis e mellor ao Consello da Cultura Galega (CCG)» para incorporar os seus criterios ás políticas públicas. Tras manter un encontro coa presidenta da institución, Dolores Vilavedra, Besteiro esixiu un incremento dos fondos destinados ao sector, lembrando que investir en cultura é unha aposta «social e economicamente rendible».
Na xuntanza, na que participaron a deputada Silvia Longueira e o vicepresidente segundo do CCG, Jorge Mira, abordáronse prioridades como a dixitalización, o fomento da lectura e a situación sociolingüística do galego, tomando como base as conclusións do foro «Un país coa súa lingua».
O líder socialista criticou o retroceso no investimento autonómico, recordando que en 2009 a partida cultural superaba os 217 millóns de euros, fronte aos 150 millóns actuais. Neste sentido, reclamou máis recursos para bibliotecas, arquivos, a industria audiovisual e o desenvolvemento da intelixencia artificial en galego.
Petición de comparecencia do conselleiro de Emprego
A preguntas dos xornais ao remate da xuntanza, Gómez Besteiro esixiu a comparanza urxente no Parlamento do conselleiro de Emprego, tras as informacións que sinalan a presenza de traballadores en situación irregular na adega da súa familia.
«Queremos que dea explicacións: que nos diga canto sabe, desde cando e como», aseverou o dirixente socialista, quen tamén cuestionou o silencio de Alfonso Rueda fronte ao caso e adiantou que o PSdeG non descarta esixir responsabilidades políticas.