O BNG acusa ao PP de Lugo de privatizar a redacción da nova Ordenanza de Ruídos malia existir xa un texto técnico

O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, denunciou na Comisión de Urbanismo a intención do Partido Popular de privatizar a elaboración da nova Ordenanza de Contaminación Acústica. Segundo explicou o dirixente nacionalista, o Concello xa conta cun texto definitivo redactado polo persoal técnico municipal tras oito meses de traballo cos axentes implicados, polo que cualificou de «mala xestión e gasto innecesario» a contratación dous servizos duna empresa privada para refacer a normativa.

Arroxo sinalou que esta decisión atrasará aínda máis a entrada en vigor duna ferramenta clave para resolver conflitos de convivencia nocturna e ruidos como os xerados por locais do tipo As Palmeras. «O PP ten que explicar por que vai pagar a unha empresa por un texto que xa está elaborado polos servizos da casa e pendente unicamente da súa aprobación en Pleno», aseverou o portavoz.

Ferramentas para a Policía Local e réxime sancionador

A proposta orixinal, que actualiza o texto vixente desde 1999, introduce novidades normativas para protexer o descanso veciñal. Entre elas, destaca o artigo 39, que prohibe comportamentos que perturben a convivencia como berrar ou xerar ruído inxustificado na vía pública durante a noite.

Así mesmo, o artigo 54 dota á Policía Local de capacidade legal directa para intervir, advertir e sancionar estas condutas incívicas. «Trátase de darlle aos axentes a ferramenta que ata agora non tiñan para actuar ante o barullo na rúa e garantir o descanso da veciñanza», concluíu Arroxo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios