A Coruña enche a fin de semana de roteiros e cine pola Semana Europea da Mobilidade

A praza de Tabacos acollerá as proxeccións de ‘El 47’ e ‘E.T.’, con aperitivos e sorteos entre as persoas participantes.

A Semana Europea da Mobilidade encara a súa fin de semana cunha ampla programación de actividades abertas á cidadanía. Roteiros, patinaxe, propostas familiares e cine sucederanse entre hoxe venres e o domingo, mantendo como punto central a praza de Tabacos, onde o Concello conta cunha toldo triple e outro multiusos con actividades e exposicións permanentes. 

A programación deste venres comezará xa pola mañá coa xornada ‘Mobilidades invisibles’, organizada por Mobi-Liza no MUNCYT entre as 9.30 e as 18.30 horas, unha proposta centrada en abordar outras realidades e necesidades vinculadas á forma na que nos desprazamos pola cidade. A xornada contará tamén cunha marcha nórdica organizada pola Asociación Montañeiros Independentes (AMI), con saída desde a praza de Tabacos, ademais das actividades de educación viaria e ambiental e das visitas ao CIMoB previstas durante o día. Ademais, ás 17.00 horas, a Asociación Galega de Axedrecistas organizará un torneo Blitz para todos os públicos. O servizo municipal de Mocidade informará durante a tarde deste venres e o sábado pola mañá de bolsas, bonificacións e outros tipo de servizos para mozos e mozas.

Seguirá con dúas das principais citas da Semana Europea da Mobilidade. Ás 20.30 horas proxectarase ‘El 47’, de Marcel Barrena, unha película baseada na historia real dun condutor de autobús que nos anos 70 levou o seu vehículo ata Torre Baró, un barrio periférico e illado de Barcelona. A sesión permitirá reflexionar sobre o papel do transporte público para conectar barrios, achegar servizos e oportunidades e favorecer unha cidade máis cohesionada.

A película contará cunha breve presentación a cargo do programador Javier Trigales e durante a sesión repartiranse aperitivos dulces entre as persoas participantes e sortearase ademais un bono de autobús de 200 viaxes.

A continuación, ás 21.30 horas, Galicia Rollers dará saída desde María Pita á Friday Mobility Night, que nesta edición terá temática verde. A proposta permitirá percorrer A Coruña de noite nun ambiente lúdico e reivindicar o uso de formas de mobilidade máis sostibles.

O cine regresará o sábado ás 20.30 horas coa proxección de ‘E.T. El extraterrestre’, de Steven Spielberg. A película, unha das grandes obras do cine familiar, ten na bicicleta unha das súas imaxes máis recoñecibles: a silueta dos protagonistas voando diante dunha enorme lúa. A sesión servirá para reivindicar a bicicleta como símbolo de liberdade, autonomía e aventura, pero tamén como unha maneira sostible de desprazarse e facer cidade. Tamén se repartirán flocos de millo e aperitivos entre o público. Neste caso, entre as persoas participantes sortearase unha bicicleta pregable.

Roteiro Veciñal pola Rolda Peonil, con A. C. Donaire

O sábado 19, os barrios serán protagonistas cun roteiro veciñal pola Rolda Peonil organizado en colaboración coa Federación de Asociacións Veciñais da Coruña. A saída terá lugar ás 11.00 horas desde a Biblioteca Municipal da Sagrada Familia. Participarán as asociacións veciñais de Sagrada Familia, Os Mallos-Plataforma, Barcarola-Catro Camiños e Oza-Gaiteira-Os Castros, ademais da A.C. Donaire. 

A actividade permitirá percorrer e coñecer sobre o terreo a Rolda Peonil, un itinerario de 3,5 quilómetros que conecta cinco barrios entre o parque de San Diego e a rúa Observatorio e facilita os desprazamentos a pé entre diferentes zonas da cidade. As entidades veciñais desenvolverán diferentes actividades ao longo do percorrido e a xornada estará amenizada cun pasarrúas da A.C. Donaire. Ademais, entre as persoas que participen sortearase un bono de autobús de 200 viaxes.

A programación do sábado continuará ás 12.30 horas co contacontos ‘O mestre da mobilidade’. Xa pola tarde, entre as 17.00 e as 19.00 horas, a praza de Tabacos acollerá un circuíto de habilidades ciclistas organizado por Mobi-Liza. 

Domingo: unha mañá para desfrutar da mobilidade en familia

A programación do domingo 20 estará especialmente orientada ás familias. Ás 11.00 horas, Galicia Rollers dará saída desde María Pita á Ruta Familiar da Mobilidade, un percorrido sinxelo e inclusivo pensado para que persoas de diferentes idades, especialmente familias con nenos e nenas, poidan participar xuntas e desfrutar doutra maneira de percorrer A Coruña. Pode consultarse o percorrido na seguinte ligazón: https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1MmkVRWQ0z0mPn116kORBOzLj2W1hqkM

Ao mesmo tempo, a praza de Tabacos acollerá entre as 11.00 e as 14.00 horas un circuíto de habilidades e exhibición de vehículos de mobilidade persoal, a cargo de VMP Coruña, que incluirá tamén unha exhibición de monociclo eléctrico, no que se poderá coñecer máis de preto este tipo de vehículos e o seu uso seguro na cidade.

A praza de Tabacos, aberta durante toda a fin de semana

A programación da fin de semana inclúe tamén as marchas nórdicas organizadas pola Asociación Montañeiros Independentes (AMI). Este venres terá lugar unha nova saída desde a praza de Tabacos, mentres que o sábado a actividade partirá desde A Mariña. 

Ademais das actividades con horario específico, a praza de Tabacos continuará sendo durante toda a fin de semana o punto de encontro da Semana Europea da Mobilidade. A toldo triple e o toldo multiusos acollen exposicións e propostas dedicadas á calidade do aire, ao funcionamento do CIMoB e os seus sistemas de conteo, á educación viaria da Policía Local, ao transporte urbano e a BiciCoruña.

O recinto complétase cunha ortofoto da cidade e cun xadrez xigante de 3×3 metros elaborado con rodas recicladas, ademais de diferentes propostas abertas para que a cidadanía poida achegarse á praza aínda que non estea inscrita nunha actividade concreta.

BiciCoruña dispón dun punto no que as persoas interesadas poden coñecer o servizo e darse de alta directamente, mentres que o Concello, en colaboración coa Compañía de Tranvías, promove durante a Semana sorteos de bicicletas pregables e bonos de autobús de 200 viaxes vinculados á participación nas actividades programadas.

«Non é necesario vir unicamente para unha actividade concreta. Queremos que a xente se achegue á praza de Tabacos, participe, descubra as exposicións e coñeza mellor os servizos e as alternativas que ten para moverse pola Coruña», concluíu Rey.

A programación da Semana Europea da Mobilidade continuará o luns e culminará o martes 22 co Día sen Coches, cando Concepción Arenal se pechará ao tráfico entre as 17.00 e as 20.00 horas para converterse nun espazo de actividades aberto á cidadanía.

Comparte éste artículo
No hay comentarios