Un golazo de Leal dá a vitoria ao Racing sobre o Barakaldo (1-0)

O Racing continúa en fase de crecemento a todos os niveis. Contra o Barakaldo, un rival durísimo, conseguiu sumar anotando o gol do triunfo cando peor estaba xogando. Unha contra diagonal, con centro final de Álvaro Ramón para unha volea brutal de Leal, que marcou o segundo gol da campaña, valeu para chegar aos sete puntos. Logo aparecería Lucas, con varias paradas decisivas, que complementaron o traballo do resto do equipo.

Quince minutos de proposta ofensiva

O Racing saltou á escena cun roubo sobre o absurdo saque de centro do Barakaldo. O primeiro ataque, co rival organizado nas súas posicións, resolvérono os biscaíños con comodidade. O Racing foi quen asumiu a responsabilidade dos acosos iniciais. Aos sete minutos, a defensa tapou o golpeo de Alcaina (foto). Iso, e un par de saques de esquina, foi o máis destacado do xogo durante o primeiro cuarto de hora.
O Barakaldo alcanzou con claridade a área local no minuto 16. A acción partiu dunha falta en tres cuartos non rematada, os aurinegros mantiveron a pelota, achegárona a Badiola ara que o punta cedese a Huidobro, dentro da área, que mandou o balón por riba do traveseiro.
A acción máis vertical do partido partiu dunha recuperación de Leal na divisoria. O seu pase rápido foi para Bernal, que abriu á esquerda para a entrada de Álvaro Ramón. O disparo a porta do lateral foi desviado á liña de fondo por Campos no minuto 24.
O Barakaldo estirouse e malia que o Racing xogou con espazos, algunha vez desaproveitados por Arroyo, non aconteceron máis cousas até a derradeira acción do primeiro tempo. Fabio, cun lanzamento en condución, provocou un saque de esquina. O propio canario foi quen centrou á cabeza de Monjonell, que rematou a rentes da escuadra.

Xogar con intelixencia cando a cousa pinta mal

Imanol de la Sota comezou ao segundo tempo cunha substitución lóxica e obrigada polo castigo que recibiu a zaga durante primeira parte. Tres cartóns a tres defensas recomendaron que Camus ocupara o lateral dereito en lugar de Muguruza.
Curiosamente, o primeiro ataque do Racing foi por ese flanco. Álvaro Ramón gañou a área, cedeu a Alcaina e o ex d Penafiel, logo de recompoñer dúas veces a súa posición, cruzou a pelota lonxe da posición de Campos. O Barakaldo reclamou unha falta previa que provocara a caída de dous aurinegros e Morona del Campo deulle a razón.
A continuación, o Racing saíu despistado da confusión e concedeu un duro disparo a Troncho que detivo Lucas en dous tempos.
O meta tamén tivo traballo nunha acción individual de Endika, que penetrou na área pola esquerda para facer un disparo ao primeiro pau . O meta racinguista, malia dificultade da parada, chapou con seguridade.
O Racing estaba atrapallado, e saíu dese estado nunha xogada que comezou con dúbidas nos seus dous pases iniciais. Todo mudou cando a pelota chegou a Ojeda. O das Palmas, co espazo aberto, puxo un pase profundo para Álvaro Ramón e o lateral puxo de manifesto a súa vocación ofensiva cun centro ao segundo pau para que Leal, de volea espectacular, cruzara ás mallas.
Respondeu o Barakaldo de inmediato por medio de Troncho e foi aí cando Lucas axigantouse. Primeiro sacou como puido un pelotazo do atacante vasco, que volveu a dispoñer doutra logo que Xavi Sola lle sacara o coiro da área para darlle a segunda oportunidade. Lucas, noutra intervención felina, evitou a igualada sacando un balón que voaba cara á súa dereita. O mesmo fixo dous minutos máis tarde ante unha contra de Xavi Sola. O ex atacante do Coruxo perdeu opcións ao entrar pola dereita da área e o meta tapou o disparo.
O Racing conseguiu rebaixar a intensidade ofensiva do rival, que xa tiña toda a súa pólvora de refresco sobre o céspede. No minuto 89, nun centro moi pasado que puxo á área Rubén Blanco, Germán case inventa un gol cun remate imposible que estrelou contra o lateral da portería.
O árbitro decretou seis minutos de prolongamento, que o Racing xogou extraordinariamente. Nos tres últimos só concedeu unha posesión breve ao Barakaldo para garantir o seu segundo triunfo ligueiro.

Ficha

SÁBADO 19/09/2026 (16,30) Campo: A MALATA (4.014)
RACING C. FERROL : 1 – BARAKALDO C.F. : 0 (0‑0)

RAC : Lucas; Leal, Monjonell, Germán, Álvaro Ramón (Saúl 87’); Bernal, Arroyo (Esquerdo 77’), Fabio; Buján (Raúl Blanco 70’), Alcaina (Eto’’o 77), Ojeda (Ropero 70’). Tre. Javi Vázquez. (Banco: César (g); David Castro; Edgar; Sekou; Azael).
BAR : Campos; Muguruza (Camus D), Pablo, Marotías, Zoilo; Castillo, Mattheus, Huidobro (Peña 72’); Troncho (Collado 72’), Badiola (Xavi Sola 61’); Endika (Markel Ruiz 61’). Tre. Imanol de la Sota. (Banco: Ispizua (g); Beñat; Samu Calera).
Goles: 1-0 Leal 64’,
Árbitro: Morona del Campo (Madrid). Auxiliares: Sánchez Lázaro e Buergo González. 4º árb.: Gómez Lameiro.
Disciplina: CA: Pablo 33’; Marotías 37’; Muguruza 39’; Germán 42’; Troncho 52’; Raúl Blanco 84’ / Imanol de la Sota (tre. BAR) 50’.

Foto: Muguruza e Marotías tapan o xute de Alcaina. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios